O cinema é o protagonista mañá venres na programación do Teatro Municipal de Tui. Ás 21:00 h proxectarase “O Corno” de Jaione Camborda, Concha de Ouro á mellor película no Festival de San Sebastián.
Janet Novás, que vén de recibir o Premio Goya á Mellor Actriz Revelación polo seu papel neste filme, encabeza o reparto formado por Siobhan Fernándes, Carla Rivas, Daniela Hernán Marchaán, María Lado, Julia Gómez, José Navarro, Nuria Lestegás e Diego Anido.
Trama
“O Corno” transcorre na Illa de Arousa en 1971, onde vive María unha muller que se gaña a vida mariscando, pero tamén axuda a outras mulleres nos seus partos con dedicación e coidado. Vese obrigada a fuxir, tras un suceso inesperado na súa vida. Comeza así unha perigosa travesía que lle fará loitar pola súa supervivencia. Na busca da liberdade cruza a fronteira por unha das rutas de contrabando entre Galicia e Portugal. As entradas están á venda en tui.gal aos prezos de 6€ e 4,5€ até este venres ás 20.50 h.
A programación do Teatro Municipal dos meses de febreiro e marzo pecharase o próximo venres, 15 de marzo, da man de Con de tres Pes coa representación de “Síbaris” obra teatral póstuma de Domingo Villar.