Unha charla sobre o Parlamento de Galicia, celebrada esta mañá no colexio Santiago Apóstol de Soutomaior, organizada polo Parlamento e pola Asociación de Ex-Parlamentarios derivou en graves insultos ao Goberno de España e ao seu presidente, segundo denuncia o Partido Socialista.
Así, o xefe territorial de Educación de Pontevedra, César Pérez Ares, que participou en calidade de ex-parlamentario do Partido Popular afirmou que o Goberno de España é “como o réxime nazi”, que España é unha “república bananeira” e que o presidente Sánchez, é “un autócrata”.
Na charla participaron tamén a ex-deputada socialista, Leticia Gallego, e o ex-deputado do BNG e actual alcalde de Soutomaior, Manuel Lourenzo, e asistiu o alumnado de cuarto da ESO e de Bacharelato.
“Lamentable intervención”
Leticia Gallego recriminou a Pérez Ares a súa “lamentable intervención” alegando que supón un evidente desprezo polas máis elementais regras da democracia. Pérez Ares verteu estes insultos na resposta que deu á pregunta dun alumno sobre o proxecto de lei de amnistía.
A ex-deputada socialista preguntouse se alguén que utiliza “argumentos ultra”, que “insulta” e que “deslexitima ás institucións” diante do alumnado está capacitado para ostentar o cargo de xefe territorial da Consellería de Educación.
Gallego subliña que “se este señor é o responsable da Educación pública na nosa provincia non queda outra que preguntármonos ‘en mans de quen estamos?”.