Galicia

Cinema en galego

Dende este martes no edificio Cambón, sede do Parque das Illas Atlánticas, no Casco Vello

Cinema en galego

A sede de Vigo da Deputación de Pontevedra acolleu este luns a presentación do ciclo “A lingua galega no cinema”, impulsado pola Universidade de Vigo co apoio da institución provincial.

Así, a vicepresidenta Luisa Sánchez, a vicerreitora de Extensión Universitaria, Susana Reboreda, e o director e crítico cinematográfico Simone Saibene, coordinador da actividade, explicaron que a primeira parte do ciclo celebrarase durante os meses de abril e maio no auditorio do Edificio Cambón (sede do Parque das Illas Atlánticas de Galicia).

Esta actividade comprenderá unha serie de proxeccións e debates sobre a situación do sector audiovisual galego e o valor da lingua galega que comezarán mañá mesmo, martes 2 de abril ás 19:00 horas.

Papel “fundamental” do galego

A vicepresidenta Luisa Sánchez asegurou que “somos conscientes da importancia que ten o cinema na súa contribución ao desenvolvemento social e económico dun territorio” e destacou que “para iso precisamos amosar a nosa identidade propia, a nosa singularidade, o que é imposible de imitar porque é unicamente noso”. Nese sentido, Sánchez asegurou que “o noso idioma ten un papel fundamental e temos que velo como unha oportunidade”.

Sánchez lembrou que a lingua galega “ábrenos ao mundo para que tendamos pontes a espectadores de todos os recunchos do planeta, para que se acheguen ás nosas tradicións e a nosa cultura”, pero salientou que o seu uso tamén obedece á necesidade da sociedade galega decontar a nosa propia historia, e facelo baseándonos nos nosos códigos, con pezas elaboradas por profesionais de aquí e contadas na nosa lingua”.

Curtas e longametraxes

Por iso, no ciclo “A lingua galega no cinema”, engadiu a vicepresidenta da Deputación, “o público vai poder gozar de grandísimas historias, dunha amalgama moi diversa de autores e de cintas, tanto longas como curtas, que amosan que o noso cinema e en xeral todo o noso sector audiovisual está a pasar polo seu mellor momento tanto de recoñecementos como de público, cuxo apoio é necesario para que a industria poida sobrevivir”.

Proxeccións

Entre as proxeccións (que se poden consultar no sitio web da Universidade de Vigo) Luisa Sánchez puxo o
foco na curtametraxe “Sandwich cat”, de David Fidalgo, que conseguiu o patrocinio da Deputación. En canto ao conxunto do programa, a vicepresidenta asegurou que participarán “algúns dos maiores expoñentes deste gran momento tanto a nivel creativo, como de recoñecementos como tamén comercial,
para que poidamos coñecer un pouco mellor o que estes cineastas nos quixeron contar a través da pantalla”
.

También te puede interesar