Cultura

Beade continúa coa programación cultural de ‘Cereixa en flor’

Con música e teatro

Beade continúa coa programación cultural de 'Cereixa en flor'

A programación cultural da “Cereixa en flor” do mes de abril trae consigo a continuidade musical da primavera e o regreso do teatro a Beade.

Así, a banda sonora desta estación prosegue co “Encontro de Primaveira”, un acto organizado polo Ateneo Musical de Bembrive, este domingo día 7, que dará comezo ás 19:00h. no Auditorio do Centro Cultural de Beade. Entrada de balde.

Ademais, contará coa presenza do mestre Juan José Ocón, profesor de trompeta e director de orquesta e bandas como Joven Orquesta Nacional de España, Banda Municipal da Coruña ou Joven Orquesta de Euskal Herria.

Teatro

En canto ao teatro, que ven de festexar recentemente o seu día munidal, Fauna 113, compañía nada na escola de Ártika, presenta a súa nova comedia, unha historia hilarante e fresca coa que busca darlle unha volta de parafuso ao xénero co seu selo propio.

“Os veciños do lado” narra a historia de María e Pedro, unha parella convencional que recibe a visita dos seus novos veciños: Rosa e Ignacio. O que en principio parece unha cena de cortesía entre descoñecidos deparará un encontro disparatado de dobres intencións e segredos inconfesables, ou é que acaso non todos temos algo que ocultar?

A función, que terá lugar o sábado 20 de abril ás 20:00h. no Auditorio do Centro Cultural de Beade, conta cunha duración de 60 minutos e recomendación para maiores de 12 anos. Entrada de balde.

Carteis da Feira da Cereixa

Finalmente, a Sala de Exposicións do C.S.C.R. de Beade acollerá ata o vindeiro mes de xuño os carteis concursantes da “XXXVII Feira – Festa da Cereixa”, realizados polo alumnado do C.E.I.P. Coutada – Beade, C.E.I.P. Otero Pedrayo, I.E.S. de Beade, xóvenes da parroquia e socios ou fillos de socios da A.V.C.U. – C.S.C.R. de Beade que non pertencen a ela.

También te puede interesar