Contenedores a rebosar co lixo desparramado, limpezas da maleza que deixan ao descuberto escombros e verquidos de instalacións deportivas pola falla de conexión ao saneamento. Estas son só algunhas das deficiencias coas que se atoparon os voluntarios que esta fin de semana levaron a cabo labores de limpeza do paseo do Lagares no tramo final do río. Tras atoparse con isto, a Federación Veciñal ‘Eduardo Chao’ pide ao Concello que “amose un mínimo de conciencia medioambiental” con este espazo e acabe co lixo que se acumula a carón do paseo e chegan ata o cauce do río ou os escombros que agora xa non tapa a maleza cortada.
A Federación Veciñal considera que o Concello incumpre a normativa municipal e provoca un dano continuado nese ecosistema ao non conectar as instalacións deportivas á altura de San Andrés de Comesaña á rede de saneamento, xa que as augas das duchas e dos vestiarios van parar a un rego que finaliza directamente no Lagares. Unhas medidas mínimas que piden para recuperar este espazo natural para a disfrute e lecer dos vigueses, xa que cada fin de semana centos de persoas acuden a este espazo para pasear ou andar en bici, xa que é un dos poucos lugares nos que se pode utilizar sen riscos.