Que foi do novo PXOM de Vigo? O Bloque Nacionalista Galego alertou hoxe de que leva 106 días no ‘limbo’: desde a súa aprobación provisional no Pleno do 28 de decembro, cos votos favorábeis do PSOE e do PP e a oposición dos nacionalistas.
Xabier P. Igrexas, portavoz municipal do BNG, sinala que o Goberno municipal inda non atendeu, pasado máis de mes e medio, o requirimento da Xunta en relación á falla de integridade documental do expediente do propio PXOM e de diferentes reparos ao seu contido, nomeadamente no referido á protección do patrimonio cultural da cidade.
“Estos erros están resoltos en 5 minutos”
Na Xerencia Municipal de Urbanismo, a concelleira María José Caride– que o 5 de marzo declarara que ‘estos erros están resoltos en 5 mnutos’– interpelada polo BNG a respeito da situación do expediente limitouse a sinalar que estaban examinando a proposta de contestación ao requirimento da Xunta elaborada pola equipa redactora. “Vemos como no único no que se ten avanzado é no intercambio de reproches e acusacións entre PP e PSOE, colocando o novo PXOM como novo escenario do permanente pimpampum partidista”, reprochou Igrexas.
Desprotección da veciñanza afectada
Para Igrexas “resulta moi difícil de entender esta situación de bloqueo que coloca o planeamento urbanístico da cidade nunha situación de total incerteza e inseguridade“. Neste sentido, advertiu de que este “punto morto” xera tamén unha evidente desprotección para a veciñanza afectada polo novo planeamento e que viu desestimadas as súas alegacións, xa que até a aprobación definitiva que parece claro non se vai poder materializar no prazo previsto (antes do verán) non pode iniciar ningún tipo de reclamación xudicial para defender os seus dereitos.
Esta situación engádese á falla de resposta diante dalgúns erros relevantes detectados no ditame das alegacións veciñais, onde o contido do informe non se corresponde nalgúns casos cos cambios realizados no propio PXOM.
O PXOM “secuestrado”
A este respeito, o portavoz municipal do BNG criticou a “insistencia do Goberno municipal de manter secuestrado o novo PXOM nunha tramitación asbolutamente opaca“. Así o demostra, segundo apuntou, a negativa a atender a solicitude do BNG de comparecencia da equipa redactora no Consello da Xerencia, ou a decisión de non permitir a visualización dos cambios entre o documento aprobado inicialmente co da aprobación provisional, nalgúns casos de moito relevo (“como o intento de legalización do pelotazo da urbanización VIP de Cabo Estai ou a desprotección de espazos naturais como a carballeira da Barroca en Navia“) ao non querer incorporar a nova cartografía ao visor web do novo PXOM.