Cultura

A Deputación publica a lista provisional de admitidos e excluídos para os ‘Campamentos A Lanzada’

Podes consultala aquí

A Deputación fai pública a lista provisional de admitidos e excluídos para os 'Campamentos A Lanzada'

A Deputación de Pontevedra acaba de publicar no Boletín Oficial da Provincia (BOPPO) o listado provisional cos 4.075 menores admitidos e excluídos para optar a unha das 1.540 prazas dispoñibles para participar nunha das once quendas dos “Campamentos A Lanzada” 2024.

Destes, 3.830 están admitidos, mentres que 245 están excluídos provisionalmente, o que supón o maior número de solicitudes nos últimos sete anos e un 7% máis que no 2023. A partir de mañá ábrese un prazo de 10 días hábiles, ata o 8 de maio, para emendar posibles erros. O listado pode consultarse na Sede electrónica da Deputación.

Comunicación por SMS

Cada nai, pai o titor legal recibirá un SMS cun código no número de teléfono indicado na solicitude, co que poderán acceder ao expediente e ver as causas de exclusión, podendo así proceder a emendalas para optar á inclusión dos menores no listado. Unha vez rectificadas as solicitudes excluídas, publicarase o listado definitivo e a data do sorteo público das prazas, que terá lugar ao longo do mes de maio.

Vigo, a comarca con máis solicitudes

En canto aos cativos admitidos, a comarca con maior número de solicitudes é a de Vigo, con 2.106 rapaces e rapazas nados entre 2011 e 2016 admitidos -dos concellos de Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, Mos, Nigrán, O Porriño, Pazos de Borbén, Redondela, Salceda de Caselas, Soutomaior e Vigo-.

Síguelle Pontevedra, con 854 rapaces -da Lama, Barro, Caldas de Reis, Campo Lameiro, Marín, Moraña, Poio, Ponte Caldelas, Pontevedra, Portas e Vilaboa-. Na comarca do Salnés son 433 os menores admitidos– procedentes da Illa de Arousa, Cambados, Catoira, Meaño, Meis, O Grove, Pontecesures, Sanxenxo, Valga, Vilagarcía e Vilanova de Arousa-.

En canto ao Condado-Paradanta, admitíronse 196 cativos -da Cañiza, As Neves, Arbo, Covelo, Mondariz, Ponteareas e Salvaterra de Miño-; mentres que 172 pequenos virán dos concellos do Morrazo (Bueu, Cangas e Moaña).

No caso de Deza e Tabeirós-Terra de Montes, no listado provisional hai 165 nenos– da Estrada,
Agolada, Cerdedo-Cotobade, Forcarei, Lalín, Rodeiro e Silleda-. Por último, hai 143 nenos do Baixo Miño
aceptados
– dos concellos da Guarda, Oia, O Rosal, Tomiño e Tui-.

Datas

Os campamentos, que se celebrarán entre o 23 de xuño e o 7 de setembro (se ben esta data está
condicionada ao comezo do curso escolar 2024-2025), distribuiranse en once quendas de sete días de
duración cada unha
(de domingo a sábado) e están dirixidos a mozas e mozos empadroados nalgúns dos concellos da provincia nados entre os anos 2011 e 2016, ambos incluídos.

En cada unha das quendas participarán 140 nenos ata completar as 1.540 prazas ofertadas, das que 210 estarán reservadas para menores en situación ou risco de exclusión social.

Actividades

No Centro de Vacacións da Lanzada os cativos poderán desfrutar de diferentes actividades entre as que destacan as deportivas no propio campamento (deportes alternativos, tiro con arco, orientación, carreira de obstáculos); na praia (bodyboard, snorkel ou xogos de praia); actividades circenses (malabares, clown ou equilibrios); de coñecemento do medio; excursións a lugares como o Monte da Siradella ou a Illa de Ons, obradoiros, xogos ou veladas. A semana de lecer rematará coa gran festa final, na que, ademais, se seleccionará a mascota do grupo entre as que crearán todos os cativos.

También te puede interesar