O informe anual de Amnistía Internacional sobre as violacións de dereitos humanos no mundo en 2023 inclúe que, en xuño e xullo pasado, a Policía Nacional empregou balas de goma para disolver unha manifestación en Vigo, na que resultou ferido un manifestante.
Isabel Flores, coordinadora de Amnistía Internacional en Vigo, asegura que “este caso exemplifica a principal preocupación de Amnistía Internacional en España: a persistente falta de rendición de contas polas violacións de dereitos humanos cometidas polo Estado. Non hai vontade política para abrir investigacións independentes e efectivas sobre graves violacións de dereitos humanos, como as ocorridas en residencias durante a COVID-19, tras o salto do valo de Melilla en 2022 ou tras os abusos policiais á hora de reprimir algunhas manifestacións como o caso de Vigo. A Subdelegación do Goberno en Pontevedra non amosou vontade de abrir unha investigación sobre os presuntos abusos policiais, que poderían mesmo chegar a constituír delitos de tortura ou malos tratos, malia as reiteradas peticións de Amnistía Internacional desde xullo pasado“.
Para a ONG, a “impunidade ante estes feitos”, non só vulnera os dereitos das vítimas, senón que tamén envía unha mensaxe desalentadora á sociedade, “perpetuando a falta de rendición de contas do Estado” e que as vítimas non obteñan xustiza e reparación.
Peticións á Xunta e ao Concello de Vigo
Amnistía Internacional destaca, ademáis, catro retos do novo goberno da Xunta: dedicar o 25% do investimento en Sanidade á Atención Primaria; un plan plurianual para acadar o 15% do parque de vivenda a política social como alugueiro social e público, abrir centros de atención 24 horas para as vítimas de violencia sexual e facer dos dereitos humanos o eixo da acción exterior.
Pola súa banda, “o Concello de Vigo debería abrir un diálogo coa sociedade civil e adoptar medidas para garantir dereitos humanos como o da vivenda co control de prezos do alugueiro e mercar vivendas da Sareb para alugueiro social, ademais de elaborar un plan municipal para mitigar os efectos da crise climática“. Así, a voceira local de Amnistía Internacional, lamenta o “silencio do Concello” ás cartas enviadas pola organización pedindo xuntanzas co alcalde e varias concellerías.
Colapso do Estaddo de Dereito
“Coa escalada dos conflitos e o próximo colapso do dereito internacional, o mundo está a recoller unha colleita de consecuencias terribles”, manifestou Isabel Flores con motivo da presentación, hoxe, do seu informe anual “A situación dos Dereitos Humanos no mundo”, onde se avalía a situación dos dereitos humanos en 155 países. A organización advertiu probabilidade de que o colapso do Estado de dereito se acelere cos rápidos avances da intelixencia artificial, que, sumada ao dominio das grandes empresas tecnolóxicas, ameaza cunha “sobrecarga” de violacións de Dereitos Humanos se a regulación continúa indo á zaga das innovacións.
“O informe de Amnistía Internacional presenta un sombrío panorama de alarmante represión dos Dereitos Humanos e frecuente infracción internacional das normas establecidas, nun contexto de desigualdade global crecente, superpotencias que compiten pola supremacía e agravamento da crise climática“, sinalou Flores.
Israel, Ucraína, Sudán, Etiopía e Myanmar
“O flagrante desprezo de Israel polo dereito internacional vese agravado pola falta de acción dos seus aliados para deter a indescritible masacre de civís imposta sobre Gaza. Moitos deses aliados foron precisamente os artífices do ordenamento xurídico creado despois da Segunda Guerra Mundial. Xunto coa actual agresión de Rusia a Ucraína, o número crecente de conflitos armados que se desatan e as violacións masivas de dereitos presenciadas en países como Sudán, Etiopía e Myanmar, a orde global baseada en normas corre perigo de desmoronarse.”
A desorde, a discriminación e a impunidade nos conflitos e noutros ámbitos víronse potenciados polo emprego descontrolado de tecnoloxías novas e xa coñecidas, que actores militares, políticos e empresariais utilizan agora como arma de maneira habitual. Para AI, as plataformas das grandes empresas tecnolóxicas avivaron os conflitos. Utilízanse programas informáticos espía e vixilancia masiva para coartar o exercicio de dereitos e liberdades fundamentais, mentres os gobernos despregan ferramentas automatizadas, que van dirixidas contra os grupos máis marxinados da sociedade.
“Durante un ano electoral mundial clave e ante os cada vez máis poderosos grupos de presión que, impulsados e financiados polos actores das grandes empresas tecnolóxicas, se opoñen á regulación, estes avances tecnolóxicos descontrolados e non regulados supoñen unha enorme ameaza para o mundo. Poden utilizarse como arma para discriminar, desinformar e dividir“.
Nos conflitos, a poboación civil paga o prezo máis alto
O informe de Amnistía Internacional presenta un cru exame da traizón aos principios de Dereitos Humanos perpetrada polos líderes e institucións actuais. Fronte á multiplicación dos conflitos, as accións de moitos Estados poderosos perxudicaron aínda máis a credibilidade do multilateralismo e menoscabaron a orde global baseada en normas que se estableceu por primeira vez en 1945.
Nun conflito que definiu 2023 e que non dá signos de remitir, os indicios de crimes de guerra continúan acumulándose mentres o goberno israelí se burla do dereito internacional en Gaza. Tras o terrible ataque de Hamás e outros grupos armados do 7 de outubro, as autoridades israelís responderon con bombardeos aéreos implacables contra zonas civís poboadas, que aniquilaron a miúdo a familias enteiras; obrigaron a desprazarse a case 1,9 millóns de persoas palestinas, e, a pesar do aumento da famina en Gaza, restrinxiron o acceso a unha axuda humanitaria que se necesitaba desesperadamente.
O informe de Amnistía Internacional pon de relevo o uso descarado que fixo Estados Unidos do seu dereito de veto para paralizar durante meses a aprobación dunha moi necesaria resolución do Consello de Seguridade da ONU a favor dun cesamento do fogo, mentres continúa armando a Israel con municións que se utilizaron para cometer actos que probablemente constitúan crimes de guerra.
Tamén destaca o grotesco que resulta a dobre moral de países europeos como Reino Unido e Alemaña, dadas as súas fundadas protestas contra crimes de guerra de Rusia e Hamás, á vez que apoian as accións das autoridades israelís e estadounidenses neste conflito.
Flagrantes infracciones das tropas rusas en Ucraína
No informe documéntase tamén a flagrante infracción das normas establecidas cometida polas forzas rusas durante a súa persistente invasión a gran escala de Ucraína. Póñense de relevo os ataques indiscriminados contra zonas civís densamente poboadas, así como contra infraestruturas de exportación de cereais e enerxía, e o uso da tortura e outros malos tratos contra prisioneiros de guerra. Todo iso súmase á enorme contaminación ambiental xerada por actos como a destrución aparentemente deliberada da presa de Kajovka, que, segundo a opinión xeral, foi cometida polas forzas rusas.
As forzas armadas e as milicias asociadas de Myanmar tamén levaron a cabo ataques contra civís que, só en 2023, se cobraron máis de 1.000 vidas. Nin o exército de Myanmar nin as autoridades rusas se comprometeron a investigar as denuncias de violacións flagrantes do dereito internacional. Ambos recibiron apoio económico e militar de China.
Sudán
En Sudán, as dúas partes enfrontadas —as Forzas Armadas de Sudán e as Forzas de Apoio Rápido— mostraron pouco interese polo dereito internacional humanitario, ao levar a cabo ataques selectivos e indiscriminados que mataron e feriron a civís e ao disparar armas explosivas desde barrios densamente poboados que mataron a 12.000 persoas en 2023. Esta situación provocou a maior crise de desprazamento do mundo, na que máis de 8 millóns de persoas se viron obrigadas a fuxir. Sen que se albisque aínda o final do conflito, a crise alimentaria leva meses atenazando Sudán e ameaza con dexenerar en famina.
A persistente falta de rendición de contas en España
En España, a principal preocupación de Amnistía Internacional é a persistente falta de rendición de contas polas violacións de dereitos humanos cometidas polo Estado.
Non hai vontade política para abrir investigacións independentes e efectivas sobre graves violacións de dereitos humanos, como as ocorridas en residencias durante a COVID-19; tras o salto do valo de Melilla en 2022 ou tras os abusos policiais á hora de reprimir algunhas manifestacións. A impunidade ante estes feitos non só vulnera os dereitos das vítimas, senón que tamén envía unha mensaxe desalentadora á sociedade, perpetuando a falta de rendición de contas do Estado e que as vítimas non obteñan xustiza e reparación.