Oitocentos sesenta persoas inscritas e unha lista de espera de máis de cen deportistas é o balance que fai a día de hoxe a Asociación Deportiva de Mondariz encargada da organización do Trail Orixes de Mondariz.
Cinco probas
Cinco probas nas que facer deporte mergullados no patrimonio natural, histórico e etnográfico atraen cada ano a máis participantes. Un esforzo organizativo que conta coa colaboración de 150 voluntarios que este sábado día 4 farán de Mondariz o epicentro do trail.
Así as persoas interesadas puideron inscribirse na andaina Peketrail de 12 km; na de 600 de 14 km; na 1.300 de 26 km; na 2.300 de 40 km ou na 3.300 de 60 km.
Ademais, Trail Orixes Mondariz é unha proba de montaña que discorre neste concello e chega ata Covelo, na súa parte máis alta, por onde pasa o Ultra Trail que chega á extrema do límite co concello de Fornelos de Montes. Así, percorre os vales e os ríos de Mondariz pasando por puntos de alto interese histórico e grande valor medioambiental.
Sendeiros
Sinala a organización que unha das características que máis gusta aos e ás corredoreas é que a maior parte do trazado é por sendeiros, rodeados en todo momento por flora autóctona e extensas carballeiras. Outro motivo que atrae a tantas persoas é a súa variedade en canto ao terreo ao pasar nas zonas baixas por sendeiros intercalando zonas abertas de alta e media montaña no caso da maratón e da ultra trail.
Campionato Ultra de Montaña
Este ano a organización salienta que a Ultra Trail forma parte do Campionato Ultra de Montaña da Xunta de Galicia de carreiras da Federación Galega de Montaña e de aquí sairá o campión e campioa galega de Ultra Distancia. Ademais, nesta proba estableceranse criterios de selección para o campionato de España que se celebrará nun mes en Somiedo (Asturias).
As e os mellores especialistas en Ultra Distancia de Galicia estarán nesta proba así como no resto das propostas de maratón, ultra e mini trail. A outra parte salientable da participación é o incremento do número de mulleres pasando do 19% de participación feminina na primeira edición a máis do 30% no día de mañá. Tamén cabe sinalar o importante número de deportistas que veñen de toda Galicia, de Castela e León, Madrid, de Cataluña, País Vasco, Canarias así como Portugal, Francia e illas de Oceanía.