A Xunta colabora con 36 empregados públicos na campaña de atención telefónica para a elaboración da renda de 2023, así como na videoasistencia para maiores de 65 anos que se inician hoxe. A estes
traballadores hai que sumarlle outros seis funcionarios da Administración galega que realizarán labores de coordinación.
Desas 36 persoas contratadas para reforzar o servizo de atención aos contribuíntes na Campaña da Renda 2022, dúas corresponden á cidade de Vigo; dúas á de Pontevedra; seis á de Coruña, Lugo, Ferrol e Santiago de Compostela, respectivamente; e oito á de Ourense.
Asistencia telefónica, persoal e por vídeochamada
A través das plataformas mixtas situadas en dependencias da Axencia Tributaria nas sete grandes cidades galegas, os contribuíntes reciben axuda e asesoramento para facer a declaración do IRPF e a súa presentación a través de asistencia telefónica ou asistencia presencial.
Esta campaña de reforzo que comeza hoxe a través do ‘Plan Chamámoslle’ e da videoasistencia para maiores de 65 anos abarcará tamén a asistencia presencial nas oficinas que comezará o vindeiro 3 de xuño. Ambas as dúas colaboracións rematan o 1 de xullo.
Novidades Campaña Renda 2023
Os contribuíntes xa se benefician desde o pasado mes de abril, cando se iniciou a Campaña da Renda 2023, das ‘medidas galegas de alivio fiscal’: deste xeito, nesta declaración da renda as familias con dous fillos xa poderán deducir 250€, un incentivo que ata o de agora tiñan as familias numerosas (250€ as de categoría xeral e 400€ as de especial) que agora se dobra para as familias de tres fillos (500€). Esta cantidade increméntase noutros 250€ por cada fillo a maiores (a partir de tres).