Deportes

O galego Iván García, subcampión de Europa de Taekwondo

Logo de caer na final contra o favorito, Caden Cunningham

O galego Iván García, subcampión de Europa de Taekwondo

Iván García (+87, Mat´s) logrou a medalla de prata no Campionato de Europa Sénior de Taekwondo, que se disputou estes días en Belgrado. Desta forma Iván revalida o subcampionato logrado en Manchester en 2022.

O primeiro rival do galego neste torneo foi o moldavo Dragoș Marinescu e cunha clara vitoria para o cabeza de serie número 3 de torneo. Venceu en dous cómodos asaltos e con gran superioridade. Nos cuartos enfrontouse ao Hamidreza Badrialiabadi (Acerbaián), ao que tamén superou por 2-0, aínda que con resultados máis axustados (3-2, 4- 3).

Na semifinal esperaba o turco Emre Kutalmis Atesli, número 2 do torneo, pero Iván foi como unha apisoadora e gañou sen concederlle nin un só punto ao (5-0, 7-0).

Final

Xa na final, enfrontaríase ao máximo favorito, o británico Caden Cunningham, primeiro cabeza de serie e olímpico en París. O taekwondista de Marín saíu moi firme e no primeiro asalto logrou impoñerse cunha
fantástica defensa (3-1). No segundo, Cunningham logrou un parcial de 5- 0, que puxo moi complicada á remontada, a pesar de que o galego o intentou, pero finalmente perdeu (3-5) e quedou igualado o combate.

Así, todo se decidiría no terceiro round. Iván comezou mandando no marcador con claridade (4-1), pero este competidor británico nunca se rende e foi remontando ata vencer cun axustado 8-6.

Fantástico resultado para Iván, despois do desgusto de non clasificarse para os Xogos de París, trala operación de xeonllo no ano 2023. Suma xa dous subcampionatos no Europeo (Manchester 2022, Belgrado 2024), un bronce europeo (Sofía 2021) e unha prata nun Mundial (México 2022).

También te puede interesar