A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar unha axuda ao Concello de Nigrán, por valor de preto de 40.000€, coa que poderá facer fronte á dotación dunha pista de surf skate que se instalará na contorna da praia de Patos.
Estes recursos pertencen ao Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas da Deputación, dotado de 4 millóns de euros para todos os concellos da provincia (59) con número de habitantes inferior a 50.000. Así, o Concello de Nigrán recibirá un total de 39.161,31 € para dotar a vila desta nova infraestrutura, que se situará na parcela que actualmente ocupa o aparcadoiro e o parque con bambáns.
A mesma poderá ser empregada por bicicletas, skates, scooters e rollers para a práctica destes deportes “creando un espazo público de calidade que non modifique a contorna”. A maioría das medidas dos elementos serán axeitados para todas as idades e niveis, pero con algúns obstáculos para practicantes de nivel máis avanzado que poderán empregar a medida que vaian ascendendo.
Levar o surf ao asfalto
O obxectivo do surfskate é levar os movementos e as sensacións do surf ao asfalto, empregando un skate
cuns eixes que simulan o movemento fluído dunha táboa de surf nunha onda. A pista estará deseñada enforma de anel pechado para o seu uso simultáneo por parte de varios usuarios, cun lado recto con curva de 2,4 e 7 metros e outro máis sinuoso con curvas de 2,4 e 2,4 metros, de carácter máis técnico.
Toda a instalación construirase en asfalto e toda a zona de rodadura e mais as plataformas terán transicións curvas de xeito que os movementos sexan continuos e fluídos.
Plan de Infraestruturas Deportivas
O Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas da Deputación mobilizou ata o momento máis de 2,7 dos 4 millóns de euros do orzamento total, con achegas para Agolada, Arbo, As Neves, Baiona, Barro, Campo Lameiro, Cangas, A Cañiza, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Crecente, Dozón, A Estrada,
Fornelos de Montes, Gondomar, O Grove, A Illa de Arousa, Lalín, A Lama, Marín, Meaño, Meis, Mondariz,
Mondariz-Balneario, Moraña, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, Poio, Ponte Caldelas, Pontecesures, Redondela, O Rosal, Rodeiro, Ribadumia, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Tui, Valga, Vila de Cruces, Vilaboa, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.