Un cento de mozos e mozas participarán este verán, nas Cíes, nunha nova edición do campo de voluntariado internacional que promove o Goberno de Galicia neste espazo. Baixo o lema ‘ O teu mellor verán’, oferta máis de 11.500 prazas en actividades de lecer.
Como explicou a directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, o emprazamento das Illas Cíes acollerá durante os meses de xullo e agosto cinco quendas desta actividade que se levará a cabo nas instalacións da zona norte da illa de Monteagudo.
Nestes meses, os participantes, chegados do estranxeiro e outras comunidades autónomas, “participarán xunto con rapazada galega nun campamento de carácter ambiental”. No mesmo, primarán os “valores de respecto, conservación e protección do patrimonio natural” , xa que os voluntarios e voluntarias,
con idades comprendidas entre os 18 e 30 anos, realizarán tarefas de carácter medioambiental que serán compaxinadas con actividades de lecer e deportivas.
44 campos de voluntariado por toda Galicia
En total, a campaña deste ano de Xuventude para os meses de verán oferta 695 prazas nos 44 campos de voluntariado, dos cales corresponden 14 á provincia de Pontevedra: Gándaras de Budiño (O Porriño); Aldea Alfacuca (Mos); O Camiño Portugués pola costa (Oia); Tradición en verde (Lalín); Salvemos o mar (Vilanova de Arousa); Rural influencers (Cerdedo-Cotobade); A terra que habita no mar (O Grove), Costa azul (Poio); ReseTea Ponteareas (Ponteareas) e as cinco quendas en Cíes.