Comarcas

O Plan Integrado de Emprego do Porriño logra un 40% de inserción laboral, en tres meses

Participan no mesmo 100 persoas, ao longo de todo o ano

O Plan Integrado de Emprego do Porriño logra un 40% de inserción laboral, en tres meses

Desde mediados de febreiro está en marcha no Porriño o Plan Integrado de Emprego (PIE), un programa dedicado a mellorar a empregabilidade das 100 persoas que participan no mesmo ao longo do ano. A día de hoxe, “estamos moi contentos co resultado obtido ata o de agora, cun 40% de inserción laboral en tan só estes meses e con máis incorporacións previstas nas vindeiras semanas. O obxectivo inicial do programa era do 45% de inserción e xa pronto o lograremos”, declara Rosario Costas, Concelleira de Emprego e Formación.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, xunto con Costas, fixo a entrega dos diplomas dos 13 cursos impartidos ata o de agora en diferentes competencias e niveis: habilidades sociais, técnicas de venda, emprendemento, búsqueda de emprego, manipulación de alimentos,  manexo e uso seguro de carretillas elevadoras, entre outros cursos. Dentro do Plan, ofrécense tamén cursos de coaching, novas tecnoloxías ou idiomas, entre outros.

Prácticas en empresas

O rematar a formación teórica, hai unha parte de prácticas en empresas. “Tratamos sempre de buscar empresas que teñan postos que ofrecer o terminar as prácticas. Valoramos moito esas prácticas ao finalizar as formacións teóricas, porque é o contacto coa realidade”, explica Rosario Costas.

Accións de información, orientación, formación e asesoramento para conseguir emprego

O Plan Integrado de Emprego contempla o desenvolvemento de accións de información, orientación e asesoramento para a procura de emprego. Ditas accións teñen carácter transversal a todas as actuacións do programa e consisten nun seguimento personalizado de inserción adaptado e individualizado para cada unha das persoas desempregadas.

Ademais, tamén se imparte formación, coa organización de diversos cursos. Así, de maneira complementaria ás accións anteriores, levan a cabo técnicas de coaching, intelixencia emocional e técnicas de motivación para a procura de emprego, tanto por conta propia como allea. E desenvolven diversos obradoiros nos que adestran as habilidades sociolaborais ou a simulación de entrevistas de emprego.

Capacidade emprendedora

Outras das accións para executar dentro do Plan Integrado de Emprego son o fomento e capacidade emprendedora, prospección empresarial e obradoiros sobre mobilidade laboral. Ademais, realízase un casamento adecuado entre oferta e demanda, recollendo a oferta existente na contorna e seleccionando ás persoas candidatas idóneas para cubrila.

Finalmente, unha vez concluída a formación teórica e práctica, compleméntase coa realización de prácticas non laborais en empresas colaboradoras baixo a supervisión dun titor. Estas prácticas sempre se levan a cabo en empresas que estén en condicións de contratar nese momento.

Este Plan conta cunha subvención por parte da Consellería de Emprego de 220.000 euros, que, xunto aos 55.000 euros de achega municipal, suma un total de 275.000 euros dedicados a mellorar a empregabilidade en Porriño.

También te puede interesar