Galicia

Abertas as inscricións para campamentos de Xuventude destinados a maiores de 18 anos

En lugares de toda Galicia

Abertas as inscricións para campamentos de Xuventude destinados a maiores de 18 anos

A Xunta abriu este luns o prazo de inscrición en campamentos para mocidade de entre 18 e 30 anos. Esta oferta específica que se inclúe na Campaña de Verán 2024 da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, pon a disposición das persoas interesadas máis de 200 prazas en cada un dos cinco programas diferentes, que abranguen máis de 40 actividades.

As solicitudes deben presentarse en liña na web de Xuventude ata o vindeiro 10 de xuño, enviando o correspondente formulario no que cada persoa poderá elixir un máximo de tres programas por orde de preferencia.

Xullo e agosto

O programa “promove un ocio educativo, alternativo e saudable para a mocidade galega”. O mesmo inclúe neste caso visitas e roteiros, actividades de multiaventura e acuáticas, obradoiros, propostas artísticas e relacionadas coa natureza e mesmo veladas e xogos de escapismo nocturnos. Todas elas terán lugar en quendas de xoves a domingo nos meses de xullo e agosto.

Lugares

Os campamentos para maiores de 18 anos desenvólvense nos seguintes lugares:

  • Albergue municipal de Cabana de Bergantiños
  • Campamento xuvenil A Devesa de Ribadeo
  • Albergue de Allariz
  • Albergue Montañas de Trevinca en A Veiga (Ourense)
  • Na residencia complexo Cemar en Mondariz Balneario

Prazas

Baixo o lema O teu mellor verán, o programa oferta en total 11.500 prazas.Para optar as mesmas, é preciso ter cumpridos os 18 anos ao inicio das actividades e non cumprir os 31 antes do seu remate.

As prazas serán adxudicadas por rigorosa orde de recepción. Unha vez asignadas na primeira convocatoria, abrirase de novo o formulario na web de quedar prazas vacantes. Ademais, a persoa beneficiaria da praza recibirá un correo electrónico coas instrucións precisas para formalizar a súa inscrición.

También te puede interesar