Eso é o que quere saber o Parlamento de Galicia. Por iso aprobou onte, por unanimidade, unha proposición non de lei na que solicita ao Ministerio de Cultura información sobre a situación actual do proxecto da Biblioteca Pública do Estado en Vigo.
Os grupos da Cámara galega agardan que Cultura informe sobre os prazos temporais e as previsións orzamentarias de cara aos futuros orzamentos xerais do Estado, así como que se axilicen os trámites para a construción do edificio da futura biblioteca. Ademais, pídese que a Xunta manteña o seu apoio a este proxecto.
O deputado Julio García Comesaña lembrou que o proxecto da Biblioteca Pública do Estado en Vigo “supón a participación das tres administracións: o Concello de Vigo, responsable de ceder a parcela onde se construirá este centro; o Ministerio de Cultura, que redacta o proxecto, executa a obra civil e dótao de equipamento; e a Xunta de Galicia, que recibe o edificio e pasa a xestionalo con cargo aos orzamentos propios da Comunidade autónoma”.
Na súa intervención, recordou que o Concello de Vigo aprobou o pasado mes de abril de 2023 o Plan Especial de infraestruturas e dotacións para a localización da Biblioteca do Estado, un documento que foi informado favorablemente pola Xunta de Galicia o pasado verán.
Entre 20 e 30 millóns
Así mesmo, o anterior ministro de Cultura, Miquel Iceta, comprometeu no mes de maio de 2023 un custe de entre 20 e 30 millóns de euros para a construción desta Biblioteca do Estado, “pero lamentablemente un ano despois seguimos ser ver avances no proxecto, que nestes momentos depende das xestións do Concello de Vigo e do Ministerio de Cultura”.
Cesión do espazo
García Comesaña manifestou que “neste momento seguimos pendentes de que o Concello de Vigo realice a cesión do espazo para a futura Biblioteca, de xeito que esta cidade conte cun espazo suficiente para atender ás necesidades dos vigueses e dun tamaño semellante ás construídas noutras cidades españolas; e que o Goberno central reserve unha partida específica nos orzamentos para iniciar o proxecto de construción da biblioteca”.