Deportes

A sete veces olímpica Teresa Portela levará o nome das Rías Baixas por todo o mundo

Comezando polos Xogos Olímpicos de París

A sete veces olímpica Teresa Portela levará o nome das Rías Baixas por todo o mundo

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, enxalzou a figura da Teresa Portela como “exemplo de constancia, conciliación e igualdade no acto de presentación do contrato de patrocinio, asinado este mércores no Palacete das Mendoza, entre a medallista olímpica pontevedresa e o mandatario provincial.

“Non es unha lenda polo teu extenso palmarés deportivo, es unha referente polos valores que nos transmites cada día”, recoñeceulle López á Portela, que este verán fará historia ao converterse na primeira deportista española en participar en sete Xogos Olímpicos.

Unha vida olímpica

Baixo este título, o acordo entre o organismo provincial e a padeeira canguesa estará vixente ata final de ano e servirá para a realización de catro charlas en centros escolares ou concellos da provincia, a participación en galas ou actos promovidos pola Deputación e levar o nome da provincia de Pontevedra na súa equipación durante a súa participación nas competicións.

“Teresa Portela levará o nome da provincia por todo o mundo porque ‘Unha vida olímpica’ merece ser contada e transmitida máis alá das nosas fronteiras”, argumentou o dirixente.

Acompañado pola deputada de Turismo, Nava Castro, o presidente López remarcou a transcendencia que
ten a figura de Teresa portela máis aló das competicións. A padeeira é referencia pola lonxevidade da súa carreira deportiva, con numerosos títulos internacionais, entre eles unha medalla de prata olímpica; pola súa capacidade para conciliar a vida deportiva, coa familiar e laboral; e polo seu exemplo a prol da igualdade “para derrubar muros que aínda limitan ás mulleres na sociedade e no deporte”.

Por todo isto, asegura o presidente da Deputación que “como pai e pontevedrés, estou convencido de que calquera pai ou nai estaría orgulloso de que os seus fillos tiveran como referente deportivo a Teresa Portela”.

As Rías Baixas en París 2024

Pola súa banda, a deportista amosou a súa satisfacción polo acordo asinado. “Turismo Rías Baixas forma
parte do meu equipo e deste acompañamento aos xogos olímpicos de París, os meus sétimos xogos”
,
afirmou a pontevedresa. Ademais, expresou o seu orgullo por representar á provincia.

Síntome profundamente orgullosa de ser galega, sempre levei o nome da miña terra por todo o mundo, é un auténtico honor”, confesou. Tamén recoñeceu Portela o seu gusto por dar a coñecer o seu labor nos centros educativos. “É algo que me gusta, a primeira carreira que estudei foi maxisterio e encántame ir polos coles e transmitir a miña vida e que se poidan sentir identificados”, engadiu a padeeira.

También te puede interesar