Galicia

Aberto o prazo para pedir as axudas para gastos de adopción de animais abandonados

Ata 150€ para o chip, vacinación ou esterilización

Aberto o prazo para pedir as axudas para gastos de adopción de animais abandonados

A Xunta abre este xoves o prazo para solicitar as axudas para cubrir os gastos de adopción de animais abandonados, que ten como obxectivo facilitar un fogar a un milleiro de cans e gatos.

150€ para as persoas que adopten un can e 125€ se é un gato

O Diario Oficial de Galicia publicou onte a orde pola que se convocan axudas de ata 150€ ás persoas que adopten un animal doméstico de compañía procedente dalgún dos centros de recollida autorizados na comunidade co fin de cubrir os primeiros gastos veterinarios e de identificación que teñen que asumir os cidadáns cando deciden dar este paso.

Así, os importes máximos das axudas quedarán fixados en 150€ no caso de que o animal adoptado sexa un can e en 125€ se se trata dun gato, sendo subvencionables os custos derivados da identificación mediante microchip, desparasitación, vacinación e esterilización nos que teña incorrido o centro de recollida, de ser o caso, para garantir o correcto estado hixiénico-sanitario dos exemplares no momento en que se lle entregue ao seu novo dono, de acordo cos requisitos que establece a Lei de protección e benestar dos animais de compañía en Galicia.

Requisitos

En todo caso, só poderán acollerse a estas novas axudas aqueles cidadáns que acrediten a adopción dun animal doméstico de compañía procedente dalgún dos centros de recollida autorizados e inscritos no Rexistro Galego de Núcleos Zoolóxicos (Reganuz) —39 na actualidade— e sempre que esta se produza desde a entrada en vigor da orde e antes do 30 de setembro de 2024.

Así mesmo, cada solicitante poderá recibir axudas por, como máximo, dous animais de compañía. Ademais, os beneficiarios deberán comprometerse a non transmitir a outra persoa a titularidade do animal que adopten mentres este siga vivo, salvo en casos debidamente xustificados por razóns de enfermidade, incapacidade sobrevida ou vulnerabilidade económica da persoa adoptante orixinal.

También te puede interesar