Alertan de que o Concello de Vigo afonda na privatización da teleasistencia municipal

Con traballadoras sociais municipais substituídas por persoal dunha empresa

Vigo devuelve 460.000€ al Estado que estaban destinados a la subvención del bus urbano

A privatización da teleasistencia municipal en Vigo é un feito“. Esta é a denuncia de varios veciños que apuntan a distintos casos neste sentido.

Así, indican, no verán de 2023 Xulia e a súa nai, Olga, foron aos servizos sociais do Concello de Vigo. Pediran cita na procura de información sobre o funcionamento do servizo de teleasistencia municipal. Olga é maior, vive soa e nos últimos tempos ela e a súa familia ven medrar as necesidades de apoio no día a día. Malia o complicado que é para Olga vivir con dor, así como asumir a perda de autonomía, acepta iniciar os trámites da teleasistencia.

Traballadora social dunha empresa privada

Tras a recompilación e entrega da documentación requirida só faltaba a visita da traballadora social e, a finais de maio de 2024 preséntase no piso de Olga dita profesional para realizar a visita domiciliaria coa que poder pechar a valoración.

A sorpresa foi que alí non apareceu funcionaria do concello ningunha. A traballadora social, como ela mesma explicou, pertencía ao cadro de persoal dunha empresa privada e xusto estreaba esta tarefa.

Contrario ao regulamento do Concello de Vigo

Ante os atrasos na tramitación dos expedientes de teleasistencia no departamento decidiron que, a partir de agora, traballadoras sociais da empresa xestora fagan tamén informes de valoración para axilizar, así, os trámites. “Poucas semanas antes desta situación a Xunta de Goberno local, do 24 de abril de 2024, resolvía a adxudicación do servizo de teleasistencia domiciliaria do Concello de Vigo a Quavitae Servicios Asintenciales S.A.U. por un importe de 576.000,00€ até 2027.

Unha decisión, subliñan estos veciños, que é “contraria ao regulamento do Concello de Vigo sobre teleasistencia”. A norma di que este pode contratar a execución do servizo a través de contratacións, pero reservando sempre a súa superior dirección e coordinación técnica a través do servizos sociais municipais.

Así, o artigo 10.3 do regulamento di:

A instrución do procedemento corresponderá ó Servizo de Política de Benestar do Concello de Vigo. As solicitudes serán debidamente valoradas por unha traballadora social, que emitirá informe sobre a idoneidade do servizo e posteriormente realizarase a visita domiciliaria. Sobre a base dese informe e da demais documentación do caso, a xefatura do servizo formulará a proposta de resolución que proceda á concellería delegada de Política de Benestar”.

A visita e a valoració ten que facela unha traballadoras social do Concello

O trámite ordinario sería, “lembramos que estamos en servizos sociais comunitarios”, que a traballadora social de zona fixera a visita e logo emitira o informe coa valoración. Mais en Vigo isto xa non acontecía, posto que “todas as solicitudes de teleasistencia que chegaban ás Unidades de Traballo Social (UTS) ían redirixidas á traballadora social responsable dos Servizos de Persoas Maiores. Tiñamos xa unha perda importante de información e de posibilidade de traballo comunitario, tiñamos un servizo privatizado que agora ademais de xestionar tamén participa na valoración das solicitudes”.

“Deterioro dos servizos públicos”

Estes veciños entenden que “estamos ante feitos moi graves que supoñen un novo avance no deterioro de servizos públicos e na privatización dos servizos sociais municipais”. A saturación, a sobrecarga no departamento de Benestar Social de Vigo non son novos. “Tampouco o é a deriva privatizadora. Nas últimas semanas persoal do propio departamento saíron ás rúas para denunciar as condicións laborais nas que teñen que facer o seu traballo“. 

Demandas das traballadoras

De feito, dende a CUT, un dos sindicatos participantes, fai as seguintes reivindicacións:

  • 1) aumento do cadro de persoal para chegar cando menos a cumprir a ratio
  •  2) cobertura de baixas, permisos de maternidade e reducións de xornada 
  • 3) redución do número de citas diarias e aumento da duración do tempo de atención  
  • 4) criterios técnicos para a avaliación e propostas de mellora dos programas e servizos municipais.

Os dereitos sociais, “sen acubillo” no Concello

O contado até o momento non é novo, hai anos que os dereitos sociais “non atopan acubillo nin no departamento nin nos seus responsables. Pasaron varias concelleiras nos últimos tempos, mais onde non houbo mudanzas foi na dirección técnica do departamento: xefe de área e xefa de servizo de Benestar Social seguen nos seus cargos. Levamos anos dando por normal: agardar meses por unha cita, atrasos amplísimos na tramitación, persoal insuficiente e saturado, privatización de servizos… mais esa situación ten responsables que padecemos veciñanza e traballadoras sociais do departamento”.

También te puede interesar