Deportes

Federación Española e “LaLiga” aceptan a petición de Abel Losada para eliminar os “pasillos de collejas” do fútbol profesional

Logos das denuncias de que se repiten nos centros escolares

Federación Española e "LaLiga" aceptan a petición de Abel Losada para eliminar os "pasillos de collejas" do fútbol profesional

A Federación Española de Fútbol e”LALIGA”, a organización que xestiona as competicións profesionais españolas dos 42 clubs de Primeira e Segunda División, veñen de aceptar unha recomendación do subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, para dar pasos de cara á erradicación dos “pasillos de collejas” do mundo do fútbol pola súa negativa influencia no ámbito escolar.

Queixas da ANPA

Losada recibiu hai poucas semanas as queixas das asociacións de nais e pais (ANPA) da provincia pola proliferación deste tipo de prácticas en datas como as gradacións de Bacharelato. A resultas desta comunicación das ANPA, durante unha xuntanza informativa sobre o Plan Director para a Convivencia e a Seguridade nos Centros Educativos, decidiu poñerse en contacto co presidente da Federación Española de Fútbol, Pedro Rocha, e co presidente de “LALIGA”, Javier Tebas.

O subdelegado escribiu cartas dirixidas a Rocha e a Tebas trala emisión por parte de varias cadeas de televisión, entre elas Televisión Española, e de moitos medios de comunicación escrita, de imaxes de “pasillos de collejas” ao porteiro da Selección masculina, Unai Simón, con motivo do seu aniversario. Feito que vén de repetirse, días despois, co propio seleccionador nacional, Luis de la Fuente.

Evitar que estas conductas se normalicen

A Federación Española de Fútbol comprometeuse a “tomar nota de lo expuesto para evitar que conductas como las descritas se normalicen”. O seu presidente afirmou o seu compromiso para salvagardar os valores positivos do fútbol. “Como bien manifiestas en la carta”, escribe Pedro Rocha, “los deportistas, y en especial los futbolistas, suelen ser un referente paralos más pequeños. Su ejemplo tiene importancia dentro del terreno de juego y fuera de él”.

Pola súa parte, “LALIGA” vai comunicar as “inquedanzas” de Abel Losada a tódolos capitáns dos 42 clubes do fútbol profesional e á Xunta Directiva da Asociación Española de Futbolistas para que dean traslado aos seus compañeiros e afiliados para “tomar as medidas oportunas”.

O presidente da patronal do fútbol, Javier Tebas, afirma que son conscientes da transcendencia social do mundo do fútbol así como da responsabilidade que teñen os futbolistas “debido á enorme influencia que exercen sobre os nenos e os adolescentes”.

O subdelegado Abel Losada tiña explicado na súa carta á Federación e a “LALIGA” que máis alá de que o feito concreto do “pasillo” a Unai Simón, este tipo de conductas son habituais nos clubs profesionais e aparecen con frecuencia nos medios de comunicación como un feito festivo e divertido. E tras explicar a problemática exposta polas ANPA da provincia preguntábase “¿que autoridade temos as autoridades e as direccións dos centros educativos para prohibilas se a Selección e os clubs de fútbol toleran e difunden imaxes con “pasillos de collejas”?

“Se é unha broma graciosa no adestramento de “la Roja” por que ten que ser algo malo na mente duns rapaces de instituto?” “¿Se Unai Simón acepta a broma, por que un alumno ou alumna vai de “llorica” a queixarse?”

Ademais o subdelegado subliña a súa obriga de trasladar as queixas das ANPA da provincia sobre este asunto a un ámbito tan relacionado como o do fútbol e expresa a súa preocupación polo feito de que, “agora mesmo e durante todo o ano hai rapaces que están expulsados temporalmente dos centros educativos por ter realizado “pasillos de collejas” no instituto ou no autobús, mentres no ámbito de deporte profesional non só se toleran, senón que mesmo se celebran este tipo de prácticas dando un pésimo exemplo”.

También te puede interesar