Comarcas

‘Operación Triunfiño’ regresa a Tomiño

Aberto o prazo de inscrición

‘Operación Triunfiño’ regresa a Tomiño

Tomiño quenta micros para acoller unha nova edición de ‘Operación Triunfiño’, “unha experiencia de formación musical única dirixida a toda a mocidade tomiñesa interesada en achegarse ao mundo da canción e seguir aprendendo da man de profesionais“.

Técnica vocal con Mónica de Nut

Tras o éxito das dúas primeiras edicións, a OMIX de Tomiño pon en marcha un novo encontro no que a rapazada se formará a carón da artista Mónica de Nut a través dun completo programa en técnica vocal no que aprender a desenvolver a súa actitude escénica e ampliar o seu repertorio, fomentando o talento local e brindando unha oportunidade a novas promesas.

Cando?

A formación realizarase do 9 ao 12 de xullo na Praza Cultura de Goián, en total 15 horas de aprendizaxe distribuídas en catro sesións en horario de mañá, de 10.00 a 13.30 horas. O proxecto rematará cun gran concerto final o domingo 14 de xullo ás 12.00 horas na carballeira do Auditorio Municipal no que a rapazada amosará ao público xeral todo o aprendido durante a súa formación.

Como destaca a alcaldesa, Sandra González, “trátase dunha experiencia formativa coa que estimular o crecemento e desenvolvemento artístico da nosa mocidade. Para nós é un orgullo brindar aos novos talentos unha plataforma que non só lles permita seguir aprendendo e achegarse dun xeito máis profesional á música e á canción, senón que tamén lles dá visibilidade. Sen dúbida será unha experiencia moi enriquecedora para todas e todos os participantes”.

A formación terá un prezo de 15 euros e as persoas interesadas xa poden inscribirse a través do formulario habilitado na web municipal.

También te puede interesar