Comarcas

Tangaraño xa ten local de ensaio tras cederlle Mos as Antigas Escolas de Dornelas

Con 150m2 de superficie máis 37m2 de aparcadoiro

Tangaraño xa ten local de ensaio tras cederlle Mos as Antigas Escolas de Dornelas

A alcaldesa de Mos vénlle de entregar á presidenta da Asociación Cultural Tangaraño, Kari Cabezas, as chaves do edificio das Antigas Escolas Unitaria de Dornelas, cedidas á Asociación tras a sinatura dun convenio de colaboración co Concello.

Deste xeito Tangaraño conta agora con estas intalacións de 150m2 de superficie máis 37m2 de aparcadoiro, para o seu uso.

Nidia Arévalo e a concelleira de Cultura, Sara Cebreiro, declararon a este respecto que “cedémoslle a Tangaraño este local municipal para que poidan levar a cabo as súas actividades centradas na divulgación dos diferentes aspectos da nosa cultura e os nosos costumes, a través de cursos de percusión e canto, baile, iniciativas etnográficas, galas, eventos solidarios ou proxectos didácticos.

Ademais, a alcaldesa engadiu que “a concesión do uso privativo das Antigas Escolas de Dornelas a Tangaraño ten un período de vixencia de cinco anos, ata xullo de 2029, puidendo ser renovable por un novo período de 5 anos máis, segundo acordo de ambas partes”.

25 anos

A Asociación Cultural Tangaraño, que está a celebrar o seu 25 aniversario, nace en 1999 en Mos, proxecto de 20 persoas dirixido por Kari Cabezas. Tangaraño xurde do baile; e ao redor deste, marca os seus obxectivos, facendo convivir dous estilos diferentes e afastados: o tradicional e coreográfico, pasando a ser o selo de identidade do grupo. Actualmente a asociación está formada por 40 compoñentes, que forman parte dos grupos de música e de baile:

  • Grupo de baile Tangaraño.            
  • Grupos de música e canto:
  • • pandereteiras Meigas Fóra
  • • pandereteiros Os Tangaraños
  • • grupo de gaitas, saxo e percusión, Os ruidosos de Tangaraño
  • • Escola de baile.

También te puede interesar