Cultura

“O alcalde fala máis como teloneiro en Castrelos que nos plenos do Concello de Vigo”

A oposición critica que os concertos sexan utilizados como “escenario para o ego imperial de Abel Caballero”

Caballero pone en marcha los conciertos de Castrelos 2025

Iso asegura o portavoz municipal do BNG que após o concerto de Dani Fernández este sábado co que se iniciaron os concertos no Auditorio de Castrelos deste verán, criticou que Abel Caballero volva erixirse, un ano máis, en “alcalde teloneiro”.

Xabier P. Igrexas, denunciou que o rexedor volveu converter un acto acto organizado polo Concello e financiado con diñeiro público nun mitin personalista. “É ridículo e indefendíbel que Caballero teime en ser o alcalde teloneiro, facendo refén o público que asiste a un concerto para convertelo nun acto de culto a si mesmo”, afirmou, acrecentando que “en ningunha outra cidade sucede algo así, coa excepción dos alardes de Jácome en Ourense”.

“Ego imperial”

“Caballero xa falou máis tempo no escenario de Castrelos que nos últimos Plenos, dos que foxe para ir de tertuliano en televisión, ese é o nivel”, ironizou.

A fronte nacionalista defende que os grandes concertos de verán, as festas que pagan todas as viguesas e vigueses con diñeiro público, non poden ser utilizadas como “grande escenario para o ego imperial de Abel Caballero”. Igrexas xulga inaceptábel que o alcalde confunda permanentemente a institución municipal co seu partido e reduza a cidade á súa propia persoa.

Programación excluínte

O portavoz municipal nacionalista tamén expresou críticas á programación de concertos en Castrelos, lamentando que “un ano máis obeceden a unha visión reducida e caprichosa do propio Goberno municipal”.

Igrexas denunciou que a programación marxina totalmente a música en galego, nun momento no que artistas e grupos musicais na nosa lingua están a demostrar o seu talento sen límites e a colleitar éxitos sen precedentes. “Estamos diante dun exemplo máis da galegofobia do goberno de Caballero, a mesma galegofobia que fai que ningún dos catro espectáculos infantís programados se vaia realizar no noso idioma”, argumentou.

Desde o BNG expresan tamén a súa preocupación pola falla de visibilidade de artistas e bandas femininas. Para as nacionalistas que en 11 actuacións só se inclúan dúas cantantes, Aitana e Luz Casal, “non ten xustificación e menos para un goberno que se di feminista”.

Sen rock, metal, rap, punk ou folk

Aliás, unha das principais críticas ten a ver coa falla de variedade de estilos que desaproveita o o potencial que ten o Auditorio de Castrelos como un dos máis importantes espazos para a música en directo do noso País. “11 concertos, pero cero presenza de estilos como o rock, o metal, o rap, o punk, ou folk e música tradicional, para Caballero as viguesas e vigueses só poden escoitar indie, pop ou música urbana, o seu Spotify debe ser ben triste“, reprochou Igrexas.

E sen artistas de Vigo

O nacionalista sinalou o novo “desprezo a grupos e artistas locais aos que parece que se lle ten vetado o acceso ao escenario de Castrelos, a pesar do enorme papel que sigue a ter Vigo na escena musical galega, estatal e internacional. “É indefendíbel que que as únicas actuacións con algunha vinculación a Vigo sexan a da Coral Casablanca ou a de Sen Senra”, explicou.

Onde está o Festival Rocking Vigo que prometeu Caballero o ano pasado e que nunca se chegou a realizar? Por que sigue castigando o alcalde aos grupos e artistas da nosa cidade?” preguntouse Igrexas.

También te puede interesar