A Deputación de Pontevedra esgotou todas as prazas dispoñibles para as rutas do programa provincial “+Bosques” do mes de agosto. Tras abrir o prazo de inscrición este luns ás 09:00 horas –como informáramos en vigoalminuto– en menos de 15 minutos xa se pechara a lista de persoas para participar nas nove rutas previstas, que se desenvolverán por espazos naturais da provincia situados nos concellos de Bueu, Covelo, A Illa de Arousa, Marín, Vilaboa, Poio e Pontevedra.
Dende o vindeiro 3 de agosto
Os percorridos da iniciativa, que promove o contacto directo coa natureza e permitirá ás persoas
participantes gozar das vantaxes dos “baños de bosques”, comezan en agosto o sábado 3 no río Xabriña
(Covelo).
Continuarán:
- o domingo 4 no río Almofrei (Pontevedra)
- sábado 10 no Carreirón (A Illa de Arousa),
- domingo 11 en Cabo Udra (Bueu)
- sábado 17 no na Illa de Tambo (Poio)
- domingo 18 e o domingo 24 no Lago Castiñeiras,
- domingo 25 na Illa de Tambo (Poio) e o
- sábado 31 no río Xabriña (Covelo)
En total, entre xuño e outubro ofertaranse 40 itinerarios que tamén pasarán polo Pazo de Lourizán (Pontevedra), visitando en total sete espazos tanto da costa como do interior que permitirán coñecer a variedade de ecosistemas ricos en biodiversidade da provincia.
Setembro
No mes de setembro “+Bosques” continuará con saídas que terán lugar:
- o día 1 no río Almofrei
- días 7 e o 29 no Lago Castiñeiras,
- día 8 no río Xabriña,
- o 14 e o 28 no Pazo de Lourizán
- o 15 na Illa de Tambo,
- 21 no cabo Udra e
- o 22 no Carreirón
Para estes itinerarios as inscricións abriranse o 19 de agosto ás 09:00 horas a través do formulario que se poderá atopar na web da Deputación. Quen cubra o formulario poderá anotarse cun máximo de tres acompañantes.
Unha vez se reciban as 15 primeiras inscricións por itinerario pecharase o percorrido e crearase a lista de agarda, para a que tamén é necesario realizar inscrición. Só está permitido realizar cada ruta unha vez e as persoas beneficiarias deberán desprazarse ata o punto de encontro de inicio do percorrido polos seus propios medios.
As rutas proporcionan ás persoas participantes unha experiencia chea de estímulos para comprender o método de aplicación do “baño de bosque” e a conexión directa en e coa natureza. Promóvese a estimulación sensorial a través dos cinco sentidos, con exercicios físicos e psicolóxicos para comprender,
entender e fortalecer os lazos co medio natural.
Xornada de degustación de cociña silvestre
O peche do programa “+Bosques” será unha xornada de degustación de cociña silvestre, que se contempla para novembro unha vez rematados os percorridos. Esta actividade, de tres horas de duración, está aberta a todas as persoas participantes nos preto de 40 “baños de bosque” organizados pola Deputación e consistirá nunha recollida de froitos e vexetais silvestres comestibles dos bosques da provincia de Pontevedra, coa súa respectiva identificación e degustación.