A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de adxudicar contratos contemplados no Acordo Marco para a conservación de firmes nas estradas provinciais que permitirán actuar en 50 vías de 40 concellos da provincia.
Máis de 290 quilómetros
O investimento ascenderá a un total de 3,1 millóns de euros e as actuacións desenvolveranse en algo máis de 290 quilómetros dos máis de 1.600 da rede viaria provincial. “Impórtanos a seguridade das nosas veciñas e veciños e gobernamos para mellorar a súa calidade de vida –explica o presidente provincial Luis López- e, para facelo, é prioritario ter as estradas provinciais, que vertebran todo o noso territorio, en perfectas condicións”.
En canto aos traballos que se realizarán, por unha banda, nalgunhas estradas vaise proceder ao fresado do firme para despois repoñer a capa de rodadura e, pola outra, noutras executarase unha capa de
microaglomerado en frío. Ademais, procederase á reposición da sinalización horizontal en todas as
actuacións nas que sexa necesario.
Concellos
- En total, nos concellos de Lalín, Dozón, Rodeiro e Vila de Cruces, vanse realizar traballos por importe de 649.940 € en seis estradas provinciais.
- Así, en Silleda, A Estrada, Cerdedo-Cotobade e Forcarei, executaranse obras en oito estradas por un importe de 873.281€.
- Pola súa banda, en Pontevedra, Vilaboa, Ponte Caldelas, A Lama, Cerdedo-Cotobade, Barro, Poio, Cangas, Moaña, Marín, Bueu, Pazos de Borbén, Fornelos de Montes, Soutomaior, Moraña e Campo Lameiro as obras serán en 23 viarios e ascenderán aos 873.693€.
- En Salceda de Caselas, Ponteareas, Mondariz, Mondariz-Balneario, A Cañiza, Covelo e Crecente realizaranse traballos por un importe de 724.406 € nun total de 13 estradas provinciais.