A Deputación de Pontevedra abriu este venres o prazo para solicitar as axudas para a realización de actividades turísticas, dotadas de 80.000 euros. Con esta liña de subvencións, por concorrencia competitiva, o goberno de Luis López busca “fomentar o turismo na provincia”, distribuíndo achegas que ascenden a un importe máximo de 5.500 euros e non poden superar o 70% do orzamento do proxecto.
Qué actividades?
Serán obxecto de subvención aquelas actividades turísticas que desenvolvan entidades sen ánimo de lucro entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro do 2024. E, en concreto, as actividades deben estar dirixidas a promover e estimular o sector turístico, a súa calidade, accesibilidade e sustentabilidade, así como divulgar os recursos turísticos da provincia como poden ser a natureza, o medio ambiente e a paisaxe, as festas e tradicións populares, o patrimonio cultural e lingüístico, a gastronomía e enogastronomía, a saúde, o benestar e o termalismo.
As solicitudes deben presentarse ata o 26 de agosto por medios electrónicos e a través do formulario
normalizado dispoñible na Sede electrónica da Deputación de Pontevedra. Nas bases da convocatoria
poden consultarse todos os detalles desta liña de axudas provinciais.
Campamentos A Lanzada
Doutra banda, os campamentos da Lanzada, impulsados pola Deputación, reunirán na súa sexta quenda e a partir deste domingo, 28 de xullo, a 140 nenos e nenas de 29 concellos da provincia. Así, ao longo de seis días, ata o sábado 3 de agosto, os cativos poderán desfrutar do seu tempo de lecer a través de actividades de carácter educativo, cultural, deportivo e formativo.
Neste verán e ata o 7 de setembro, serán en total 1.540 menores de 57 concellos da provincia os que participen nas once quendas en que se dividen os campamentos.
Os rapaces que chegarán esta semana ás instalacións que a Deputación ten no Grove (nados entre 2011 e
2016), proceden de Vigo (25), Pontevedra (14), A Estrada (9), Cangas (8), Marín (8), Silleda (8), Poio (6), Ponteareas (6), Mos (5), O Porriño (5), Redondela (5), Vilagarcía (5), Caldas (4), Sanxenxo (4), Valga (4), Barro (3), Bueu (3), Soutomaior (3), Cerdedo-Cotobade (2), Nigrán (2), Tomiño (2), Vilanova (2), Cambados
(1), Covelo (1), Cuntis (1), Lalín (1), Moaña (1), Tui (1) e Vilaboa (1).
Actividades
Os nenos e nenas do campamento poderán gozar dun amplo programa de actividades de multiaventura e tempo libre, algunhas delas en lingua inglesa. As mesmas abranguen xogos e deportes, actividades na praia, ao aire libre relacionadas co medio natural, artísticas e nocturnas, teatro e contacontos e baile e actividades culturais.
Ademais, realizarán un obradoiro para elixir a mascota oficial deste programa provincial. Or último, visitarán a Illa de Ons e realizarán unha segunda excursión cultural, deportiva ou relacionada coa natureza e o coidado do medio ambiente.