O Partido dos Socialistas de Galicia vén de pedir explicacións ao Goberno de Galicia sobre o “sobrecusto de preto de 500 millóns de euros” do Hospital Ávaro Cunqueiro, que reflicte un recente informe do Consello de Contas.
Dende o PSdG, subliñan a súa preocupación por este feito e aseguran que o hospital, “que foi inicialmente promovido polo goberno de Emilio Pérez Touriño como o gran hospital público para o sur de
Galicia, sufriu un cambio drástico no seu proxecto baixo a administración de Alberto Núñez Feijóo con Alfonso Rueda como a súa man dereita”.
Estes cambios, aseguran os socialistas, non só reduciron o tamaño do proxecto orixinal, senón que tamén optaron por un modelo de financiamento privado en lugar de público. “O resultado desta decisión foi un sobrecusto de case 500 millóns de euros que os galegos e galegas estamos a pagar”.
“Prestamistas”
Así, engaden dende o PSdG, en lugar de financiar o hospital con fondos públicos, recorreuse a fondos privados que “funcionaron como prestamistas, incrementando significativamente a carga financeira sobre a cidadanía”.
Ademais, destacan que “os socialistas propuxemos en repetidas ocasións a conversión do Hospital Álvaro Cunqueiro nunha entidade completamente pública. Estas propostas, presentadas con datos concretos no Parlamento de Galicia, foron sempre rexeitadas polo Partido Popular, que nos acusou de alarmistas e mentireiros”.
Ante esta situación, dende o PSdG, formulan dúas preguntas ao presidente Rueda: son mentireiros e alarmistas os membros do Consello de Contas, dado que os seus achados coinciden coas nosas críticas?; e, en segundo lugar, desexa realmente que o hospital sexa público?
Resposta da Consellería de Sanidade
Pola súa banda, dende a Consellería de Sanidade afirman que “tal e como recoñece o propio Consello de Contas no seu informe“, o modelo contractual escollido para a execución do Hospital Álvaro Cunqueiro era o único posible e viable. Era “a única alternativa factible que permitía a construción do novo hospital de Vigo para dotar e completar o complexo hospitalario de conformidade coas necesidades asistenciais dese momento”.
Na opinión do Goberno galego, o propio órgano fiscalizador sinala no seu informe que “o prazo de execución foi inferior ao prazo medio de execución baixo o modelo de contratación tradicional”. Esta foi precisamente- continúan dende Sanidade- unha das razóns polas que se seleccionou o modelo concesional (a primeira vantaxe do modelo contractual escollido); e tamén afirma que “a Administración non asumiu sobrecustos pola execución da obra” (páxina 16 do informe).
Unha demora de ata 15 anos
Os responsábeis de Sanidade subliñan que de non seguirse ese modelo contractual, a execución e posta en servizo do novo centro hospitalario de Vigo, “teríase visto demorada ata en 15 anos, tendo en conta o contexto de grave crise económica dos anos da súa licitación”.
Así mesmo, engaden que concesión do Hospital Álvaro Cunqueiro apóiase nun estudo de viabilidade económico-financeira e nunha memoria económica complementaria ao contrato nos que se analizaron as vantaxes do modelo.
A prestación sanitaria en risco
Doutra banda, para os dirixentes do SERGAS, a contratación dunha obra destas características con cargo ao orzamento “podería ter posto en grave risco a prestación de servizos sanitarios esenciais, tal e como recoñece o propio Consello de Contas nas súas conclusións”. Así, na páxina 68 do informe sinálase polo propio Consello de Contas que: “Da análise dos datos anteriores en relación coa capacidade orzamentaria, se conclúe que a Administración non estaría en condicións de formalizar o contrato das obras e de cumprir cos obxectivos de déficit aos efectos de estabilidade orzamentaria sen renunciar á execución de gastos correntes ou doutros investimentos”.
Discrepa do Consello de Contas
Polo tanto, “a Xunta discrepa do cálculo efectuado polo órgano fiscalizador e da súa realización dunha comparativa coa valoración alternativa de contratación tradicional (obra e servizos por separado) cando se está a indicar, a través doutras afirmacións do informe, que o modelo escollido era o único que resultaba factible na conxuntura económica existente”.
Houbo “aforros considerables”
Ademais do feito de que como se sinalou, o modelo concesional elixido permitiu anticipar a construción dun hospital imprescindible, a contratación agrupada dos servizos “supuxo aforros considerables con respecto á situación precedente”.
Así, para os ditos servizos, a memoria xustificativa obrante no expediente de contratación inclúe unha comparativa de custos entre o importe dos que se estaban asumindo naquel momento (importes do ano 2010) cos que resultarían da xestión no modelo de concesión, arroxando unha diferenza de custo anual (isto é, un aforro co modelo proposto) de 2,56 millóns de euros.
Número de camas
Por último, ao respecto do número de camas, a Xunta lembra que a evolución das tecnoloxías de diagnóstico e tratamento, así como as modalidades organizativas e funcionais dos servizos (incremento de cirurxías ambulatorias, por exemplo, ou procedementos dispensados en hospitais de día ou abordados desde atención primaria) poden determinar a maior ou menor necesidade de camas hospitalarias. “Polo tanto, ese número non pode examinarse como un parámetro absoluto ou illado das estratexias e necesidades asistenciais, nin da evolución das técnicas e incorporación de novas tecnoloxías que inflúen na taxa de utilización”.