O Consello da Xunta autorizou prorrogar, “por razóns de interese público”, e ata o vindeiro día 31 de decembro (ou data anterior no caso de que se adxudique antes desa data o novo contrato), o concerto asinado entre o Servizo Galego de Saúde e o Hospital Povisa para a prestación de servizos de asistencia sanitaria especializada na área de Vigo. Así, o Executivo galego destinará unha partida de 27.895.000 euros á extensión deste concerto.
Futura contratación
Nunha nota enviada aos medios de comunicación, a Consellería de Sanidade indica que o Servizo Galego de Saúde está a “ultimar a análise sobre cales son as necesidades asistencias que posúen actualmente a cidade e súa poboación, co ánimo de actualizar a carteira de servizos que se deben incluír na futura contratación”.
Así, Sanidade “xa está a traballar na redacción dos novo pregos de contratación cos que se iniciará o novo procedemento”.
Dende 2014
En setembro do ano 2014 a Xunta e Povisa asinaron un concerto para a prestación da asistencia sanitaria especializada aos beneficiarios da Seguridade Social protexidos polo Servizo Galego de Saúde, e que así o elixiran.
119.000 persoas
Unha vez se acade a extensión máxima da prórroga vixente o vindeiro 31 de agosto, ambas as partes acordaron ampliar por un período de catro meses a extensión deste concerto, namentres se ultiman as cláusulas do novo procedemento.
Povisa presta na actualidade cobertura sanitaria a un total de 119.000 persoas que decidiron adscribir a súa tarxeta sanitaria a este centro privado. En concreto, atende as necesidades sanitarias desta poboación no que atinxe ás consultas médicas, a asistencia cirúrxica, a súa hospitalización, a realización de probas diagnósticas e terapéuticas, ou a atención de urxencias hospitalarias.