Unha nova data para as e os amantes da boa música ao aire libre. ‘Os Solpores da Rebullón‘, ciclo organizado pola Comunidade de Montes de Tameiga no exterior do centro sociocultural As Pedriñas, programa para este xoves, 8 de agosto, ás 21:00 horas, o rock alternativo de Froján.
A ‘esencia do rock de rúa moderno’
Definida como “a banda que captura a esencia do rock de rúa moderno”, Froján subirá ao escenario dos Solpores da Rebullón para presentar os temas do seu segundo e novo traballo, “Reflejos”, producido por Kolibri Díaz (guitarrista en Marea) e gravado nos “Estudios R5” de Pamplona.
Asentados na cidade de Pontevedra, os compoñentes do grupo ofrecen unha perfecta mistura de rock e poesía. Froján presta unha especial atención e coidado ás letras das súas cancións, influenciadas por Kutxi Romero e Robe Iniesta, combinadas co rock alternativo como base. O grupo conseguiu crear un estilo propio son fusionando detalles barrocos e clásicos co son das bandas referentes do rock estatal.
Dende 2020
Desde os seus inicios, no 2020, Froján tocou en salas como La Fábrica de Chocolate (Vigo), a Filomatic (A Coruña) ou o Elefante Blanco (Madrid), entre outras, e participaron en festivais como o Bandeira Rock (Silleda) ou o Cultura Quente (Caldas de Reis). Froján compartiu escenario con bandas como Tregua, Terbutalina ou Boyanka Kostova, ademais de ter realizado unha xira por salas galegas coa banda pontevedresa Liberad al Kraken.
Froján é o quinto dos sete artistas programados para este verán neste ciclo de música en directo ao aire libre. Como todas as actuacións dos Solpores da Rebullón, o público pode acceder de balde, presenciar o concerto e, ao remate, apoialo abonando a cantidade que lle pareza xusta.
Logo dunha semana de parón pola ponte do 15 de agosto, o seguinte concerto dos Solpores levará o nome de Todas las Batallas Perdidas, o 22 de agosto, antes de que Jay & The Smoking Machines poñan o punto e final ao festival co seu rock clásico e enérxico.