O pleno da asemblea de traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) do concello das Neves vén de acordar ir á folga no mes de setembro para reclamar o pagamento da totalidade do seu salario. Así, as traballadoras, que están a cobrar un 8’8% por debaixo do convenio, uns 100€ mensuais menos, responsabilizan a Xunta e ao Goberno municipal da precariedade que sofren.
Neste sentido, as profesionais denuncian que o actual Goberno popular, sendo coñecedor desta situación, decidiu no mes de abril prorrogar o contrato da actual adxudicataria en contra do pactado coas traballadoras. Lembran que en agosto do ano pasado “a adxudicataria Atendo Calidade convocou un acordo interprofesional para a resolución extraxudicial de conflictos laborais (AGA), para ir ao descolgue salarial porque o prezo hora do concurso, inferior aos 17€ acordados antes da crise inflacionista, non cubría o custe salarial do servizo”.
A empresa apenas asumiu as subidas
As traballadoras lembran que o prezo do servizo veuse incrementado nos últimos tres anos nun 15’3% -o prezo actual oscila entre os 20-23€/hora-, do que a empresa só asumiu o 6’5% do ano 2022. “A diferenza está sendo asumida polas auxiliares, traballadoras xa de por si moi precarias con traballos a xornadas parciais de luns a domingo, co agravante de que aportan os seus vehículos para acudir os servizos a un prezo de 0’18 o quilómetro”, denuncian.
Negociacións no AGA
Finalmente, as negociacións no AGA remataron coa retirada, por parte da empresa, da súa proposta de descolgue, co acordo de ir a unha negociación para compensación dos atrasos e o compromiso do actual goberno local das Neves -presidido polo popular José Manuel Alfonso-de rematar o contrato a inicios de 2024 para posibilitar a actualización do prezo e o pagamento dos salarios.
Con todo, engaden as profesionais, aínda que a empresa cumpriu coa súa parte da negociación, “o alcalde e a concelleira de Servizos Sociais, [Ana Durán], levan un ano enganando as traballadoras”. Denuncian ademais que, mesmo en contra do pactado e tendo a oportunidade de rematar o contrato en abril, “o Goberno municipal decidiu prorrogalo nas mesmas condicións, condenando ás traballadoras a seguir traballando sen percibir a totalidade do seu salario”.
“O alcalde non cumpriu a súa palabra”
Así mesmo, dende a plantilla lembran que nunha xuntanza celebrada no mes de marzo, na que convocaron ao alcalde e á concelleira de Servizos Sociais para pedirlle explicacións pola prórroga, “o propio rexedor comprometeuse a deixalo arranxado no seguinte pleno”. Porén, desde aquela as traballadoras acudiron a todos os plenos a pedir explicacións, “ratificando os responsables o seu compromiso sen cumprilo” e asegurando que sería nun pleno extraordinario en xullo que non se celebrou.
Campaña informativa
Rematado xullo sen solución, as profesionais decidiron iniciar este mes de agosto unha campaña informativa para denunciar a súa situación, con repartos e visibilización na rúa e redes sociais e coa vista posta na convocatoria de folga prevista para o mes de setembro se o concello non cumpre inmediatamente co pactado.
A folga atinxiría a 24 traballadoras e máis de 50 usuarias e usuarios dependentes que precisan da atención domiciliaria para actividades básicas da súa vida diaria.