Cultura

O programa ‘+Convivencia’ continúa con saídas a Ons e Cangas

Nas que participarán 230 persoas

O programa '+Convivencia' continúa esta fin de semana con saídas a Ons e Cangas

Preto de 230 persoas de catro entidades diferentes da provincia gozarán entre este sábado, 10 de agosto, e o xoves 15 de saídas ao abeiro do programa “+Convivencia” da Deputación de Pontevedra, que ofrece a oportunidade de compartir experiencias e crear espazos de participación.

En concreto, trátase de asociacións de Pontevedra, Marín, Meaño e O Porriño. Deste xeito, 65 persoas da ANPA Andaina do CEIP Xunqueira 2, de Pontevedra; 54 da Asociación de Consumidores e Iniciativa Social de Amas de Casa de Marín visitarán o sábado a Illa de Ons.

Outras 52 persoas da Asociación de Veciños San Juan de Meaño viaxarán a Cangas o domingo, 11 de agosto e, por último, 57 usuarios da Asociación Cultural A Forna, do Porriño, pasarán o xoves 15 de agosto na Illa de Ons.

‘+Convivencia’

O programa “+Convivencia”, que está dotado con 220.000 euros, permite a entidades sen fins de lucro coñecer o patrimonio natural, artístico, etnográfico e cultural da provincia de Pontevedra. Oferta
un amplo catálogo de actividades de todo tipo: relacionadas coa arqueoloxía, coa arquitectura civil, a
relixiosa, a popular, cos faros, co Camiño de Santiago ou cos museos.

Todas as propostas están abertas a entidades de iniciativa social, asociacións de mulleres, de maiores, veciñais e culturais ou tamén ANPAS da provincia e o prazo para solicitar as actividades, que deberán realizarse antes do 15 de decembro, permanecerá aberto ata o 1 de decembro.

Autoxestión

Como novidade, o Goberno provincial destina este ano a cada entidade unha axuda de ata 1.000 € para que poidan xestionar e deseñar con total autonomía a súa actividade, favorecendo a contratación de empresas do tecido máis próximo e estimulando a economía local. Deste xeito rómpese co que acontecía ata o de agora, pois eran grandes grupos de viaxes, moi afastados das asociacións que organizaban as actividades, os que se facían coas ofertas.

También te puede interesar