A oposición no Concello de Redondela -PP e BNG- súmanse ás críticas de AER, socio de goberno de Digna Rivas, e critican con dureza a súa xestión da alcaldesa no primeiro ano do actual mandato.
“Mentiras”
O ex alcalde e voceiro do Partido Popular, Javier Bas, cré que “é inaudito e lamentable escoitar á Agrupación de Electores de Redondela -AER- laiarse do incumprimento do pacto de goberno que asinou co PSOE para este mandato, porque hai que lembrarlle aos redondeláns que o primeiro incumprimento deste mandato, e que motivou que este período comezara cunha gran mentira, fixérono desde esta formación independente, xa que dixeron que nunca darían a Alcaldía a Digna Rivas, incluso se, como consecuencia, tiña que haber un goberno popular en minoría, así que xa sabemos o que vale a súa palabra: nada”.
Bas, reaccionou así á valoración de AER sobre o “triste balance” deste primeiro ano de mandato municipal, lamentando que o edil independente Roberto Villar, “e tamén na sombra o seu xefe, Cuni Orge, teñan a lei do embude” por queixarse de que os socialistas incumpran a maioría dos 35 puntos do seu acordo ou avancen con lentitude nalgúns poucos. “Este mandato arrancou de xeito nefasto pola súa
exclusiva responsabilidade, xa que faltaron á palabra dada aos veciños, polo que simplemente están probando da súa propia medicina por parte dos socialistas”.
“Van a seguir incumprindo”
Nesta liña, Javier Bas adiantou a AER que “Digna Rivas e o seu equipo van seguir incumprindo co seu acordo durante os próximos tres anos e dígollo para que non se leven ningunha sorpresa”.
Ademais, tamén ironizou coas manifestacións de Villar nas que evidencia que as esixencias de AER non son unha prioridade para o PSOE, “son uns auténticos lumbreras por descubrir isto porque debían ser os únicos en Redondela que non sabían que a única prioridade de Digna Rivas era repetir como alcaldesa, non as propostas do seu partido”.
“Todo por un soldo”
Por último, o portavoz popular considera que Roberto Villar “tragou coa investidura de Digna Rivas no pacto de perdedores das eleccións a cambio dun soldo”, e afirma que si que comparte con AER a parte da súa análise centrada en que “o mandato está a ser moi malo, co conseguinte prexuízo para os veciños“.
O motivo, subliña Javier Bas, é a “incapacidade do goberno local parte para acadar niveis de aforro e para emprender un só investimento con fondos propios” e “polo espírito de superación para converterse no concello da provincia co récord de axudas e achegas perdidas nos últimos 14 meses. Xa sabíamos que ía pasar isto e vímolo denunciando e lamentando durante todo este tempo”.
Desenténese das súas obrigas
Pola súa banda, dende o BNG asisten “con preocupación” a contratación, por parte do Goberno local, dunha empresa para a limpeza viaria. Consideran que deste xeito “desenténdese das súas obrigas que a Lei lles outorga, cedendo ás empresas a xestión de servizos que debería realizarse directamente dende o Concello”.
Segundo expresan dende a formación nacionalista, o goberno de Digna Rivas toma iniciativas para “valeirar de funcións e responsabilidades as súas competenzas. Negan que a xestión a traverso de empresas privadas mellore os servizos e sexan máis rendíbeis económicamente“.
Privatización de servizos
Así mesmo, o voceiro nacionalista, Xoán Carlos González, expresa a súa preocupación polo aumento do gasto en privatización de servizos. “A limpeza de camiños debe ser un servizo prestado directamente polo Concello”, afirma. “O cumplimento do prego do contrato non garante que a concesionaria realice un bo traballo” e alerta que vai ser moi complicado poder exixirllo á empresa. Ademáis advirte de que destínanse 900.000€ en dous anos para crear somentes 11 postos de traballo, durante seis meses.
Inxentes cantidades a varias empresas
O edil nacionalista amosa a súa estrañeza polo “discurso contradictorio” que emana do Goberno municipal, onde “por unha parte falan de falta de cartos e por outra conceden ás empresas inxentes cantidades do orzamento municipal para o seu negocio. Só na contratación da limpeza de camiños, de praias e socorristas o concello gasta 600.000€ anualmente”.
Para Xoán Carlos González, é alarmante a continua privatización de servizos públicos en Redondela “. Ademáis considera “ilóxico” que sustituiran á encargada de Vías e Obras para realizar seguemento da limpeza dos camiños municipais por un auxiliar administrativo. Por iso, empraza á alcaldesa Digna Rivas “a retomar as súas competenzas sen ter que acudir á contratación de empresas alleas aos intereses dos veciños e veciñas”