O Goberno municipal do Porriño leva a pleno a vindeira semana o seu orzamento municipal cunhas contas que rozan os 21 millóns de euros, 2 millóns máis que o vixente, o que supón un incremento dun 9,68%.
Menos impostos e control do gasto
“A folla de ruta económica para o presente ano é ambiciosa no que respecta aos gastos e prudente no tocante aos ingresos, imaxe dunha administración solvente e responsable na xestión que, por encima de todo, vela cada día polos intereses das veciñas e veciños do Porriño”, apunta o alcalde.
Alejandro Lorenzo explica que “continuamos coa senda marcada de reducción de impostos mantendo os niveis dos servizos públicos, o control do gasto e o equilibrio fiscal”. Ademais, Lorenzo salienta o “gran esforzo que se está a facer desde a administración local para poder manter e aumentar todos os servizos prestados, sen que iso repercuta nun incremento da presión fiscal”. O alcalde asegura que O Porriño é o municipio de toda a área que menos cobra polos servizos prestados.
“Eficiencia na xestión dos recursos públicos”
Alejandro Lorenzo reivindica o seu traballo para a cidadanía e asegura que a proposta de orzamento é un “documento realista, previsor e rigoroso baseado na eficiencia da xestión dos recursos públicos“. Ainda así, advirte de que se desenvolve nun escenario de prórroga orzamentaria por parte do Goberno de España e no “marco dunha subida dos custes básicos para administracións locais, ao que hai que engadir o impacto da inflación e as súas consecuencias no aumento dos prezos dos servizos”. Isto, explica implicou un retraso na tramitación dos novos orzamentos xa que ata mediados de ano non se coñecía o importe dos ingresos a recibir por parte da administración estatal.
Reforzo dos servizos municipais e do benestar social
Nesta liña, o alcalde comenta que os pilares básicos das contas para este ano son tres:
- reforzar os servizos municipais
- o benestar social e
- o mantemento do centro urbano e parroquias
- a estas areas destínase o 38,29% dos recursos
Así, máis de 3,1 millóns de euros resérvanse para a prestación dos servizos básicos como a alumeado, limpieza, cemiterios ou saneamento. Preto de 2,7 millóns para urbanismo e vivenda e máis de 2,2 para servizos sociais e promoción social.
“É esencial garantir a prestación da totalidade dos servizos básicos e así, logo de moitos anos cunha situación de ausencia de contratos hoxe temos regulada a recollida de lixo, a limpeza viaria, o mentemento de xardíns e desbroces, a xestión da piscina municipal ou o SAF “, continuou o alcalde.
Respaldo ao tecido asociativo, cultural e deportivo
Así mesmo, “segue adiante a aposta polo deporte e a cultura“, consignando arredor de 2 millóns de euros a cada unha destas áreas. Un respaldo que abrangue a subvencións nominativas aos clubs deportivos, asociacións culturais e veciñais e entidades de carácter social.
Lorenzo subliña que a colaboración con estas entidades permitiu ampliar os servizos que se prestan no Porriño, como os obradoiros de memoria de Afaga Alzhéimer. “Tamén a colaboración que se establece coas comisións de festas das diferentes parroquias, e que nutren a programación cultural e exercen de dinamizador social no rural”.
Así, as achegas para as 47 entidades que desenvolven a súa actividade no municipio ascenden a preto de 800.000 euros.