Ricardo Baz Pereira, veciño de Atios, foi recibido polo alcalde do Porriño para falar de Jiu Jitsu e do seu recente salto á “faixa preta” (cinturón negro). O loitador estase preparando xa para o Campionato Europeo de Roma en outubro e o de Lisboa en xaneiro.
Na Federación Internacional de Jiu Jitsu Brasileño (IBJJF polas súas sigras en inglés) Baz Pereira ven de conseguir a faixa preta, a máxima categoría neste deporte no que leva uns 12 anos. “Sempre practiquei deportes de contacto, como full-contact, kick boxing e sobre o 2010 ou 2011 coñecín o mundo do grappling, jiu jitsu, a loita… E pouco a pouco fun deixando as outras artes marciais para estar de cheo no jiu-jitsu”, explica o loitador.
Baz Pereira, que xa fora subcampión de Europa no 2018 e bronce na categoría absoluta, busca agora repetir fazaña e incluso mellorala no campionato europeo que terá lugar en Roma os días 17 a 20 de octubre na especialidade “no-gi” (sen kimono), e no europeo da especialidade “gi” (con kimono) en Lisboa do 17 ao 25 de xaneiro.
Jiu Jitsu, o arte de saber defenderse
Esta arte marcial xaponesa foi popularizada en Brasil. Trátase dun deporte de combate corpo a corpo no chan, baseado na aplicación de técnicas de control, sumisión e estrangulamento para controlar ao opoñente e defenderse, independentemente da forza ou o tamaño do adversario.
“O jiu jitsu non se trata da forza que teñas, senon da técnica, por eso é moi recomendable como defensa persoal, especialmente para mulleres, porque te ensina a reducir a un home sen necesidade de golpear. Este deporte é bo tamén para nenos e nenas, porque ensina respecto, cuidar aos seus compañeiros/as e opoñentes. O jiu jitsu é recomendable para todo o mundo”, comenta Baz Pereira.
“É un orgullo contar con deportistas de élite, como Ricardo, e desde o Concello do Porriño estaremos sempre apoiando o deporte e os valores que transmite”, salientou o alcalde, Alejandro Lorenzo.