A Xunta vén de licitar hoxe a redacción dos proxectos e a construción de 57 vivendas de promoción pública en San Paio de Navia ás que se destinará un investimento de 12,8 millóns de euros. Trátase dunha promoción de vivenda protexida destinada ao alugueiro público e as empresas poden presentar as súas ofertas desde este martes 20 de agosto ata o día 11 de outubro.
En concreto, licítase os servizos de redacción de proxecto e dirección de obra e de contratación das obras de construción, con técnicas industrializadas e o uso de madeira, de dous edificios de 38 e 19 vivendas de promoción pública nas parcelas M-IVA-6 e M-IVA-3 do polígono 1 de Navia.
Dous edificios
Na parcela M-IVA-3 prevese a construción dun edificio para 19 vivendas de promoción pública, garaxes e rochos. Esta parcela ten unha superficie duns 844m2 e o plan parcial permite a construción dun inmoble cun máximo de 3 alturas máis ático.
Polo que se refire á M-IVA-6 prevese a construción dun edificio para 38 vivendas, garaxes e rochos. Esta parcela ten unha superficie de 1.229 m2 e o plan parcial permite a construción dun inmoble cun máximo de 3 alturas máis ático.
Estes dous inmobles constitúen a segunda promoción que se executará en San Paio de Navia que incluirá a aplicación de técnicas construtivas industrializadas, despois dos outros dous edificios que albergarán 58 vivendas nas parcelas M-IVB-20 e M-IV22, cuxas obras saíron a licitación o pasado día 19 de xullo.
Financiación europea
A construción deste grupo de vivendas conta con financiación europea, de xeito que a Xunta asumirá o 77,4% do coste, mentres que o 22,6% restante corresponde a fondos da UE a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.
San Paio de Navia
Coa licitación deste grupo de vivendas, a Xunta xa ten en licitación ou proceso de adxudicación 316 das 359 vivendas de promoción pública que vai construír no Polígono 1 da ampliación de Navia.
Neste Polígono 1 están a desenvolverse as obras de urbanización e, co obxectivo de que estas vivendas poidan ser unha realidade o antes posible, desenvolveranse de forma paralela aos traballos construtivos dos edificios residenciais.
Ademais das 359 vivendas de promoción pública, o parque residencial de Vigo reforzarase coa habilitación neste mesmo polígono de solo para a construción de 374 vivendas protexidas.
Agora mesmo, a Xunta ten en licitación as obras de urbanización do polígono 2 por un investimento de preto de 16,4 millóns, para acometer o acondicionamento desta zona, fases A e B de San Paio de Navia, que permitirá a construción dun total de 719 vivendas.