A Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra poñen en marcha dende este mesmo venres un enderezo electrónico no que veciñas e veciños de Vigo, entidades locais, grupos ou ascociacións poden enviar as súas propostas, ideas e suxestións que permitan enriquecer o plan de usos do Teatro- Cine Fraga.
Así o anunciaron hoxe o conselleiro de Cultura, José Lopez Campos, e o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, na presentación da campaña ‘O mellor espazo busca o mellor contido’.
Tal e como explicou José López Campos, as entidades e persoas interesadas poderán enviar as súas achegas ata finais de setembro a través do enderezo [email protected] .
Trátase dunha medida que, como afirmou, ten por obxectivo “incorporar as demandas da cidadanía e do amplo tecido cultural para construír con eles o mellor proxecto para a cidade de Vigo”.
Recuperación do Fraga
O conselleiro lembrou que hai pouco máis dun mes “demos o primeiro paso para recuperar este espazo e agora iniciamos o camiño para establecer en Vigo unha sede permanente de primeiro nivel onde
desenvolver actividades de creación e consumo cultural”. Nesta liña, engadiu que será un centro de referencia en Galicia e no norte do Estado “á altura do pulso cultural dunha cidade como Vigo e que dará servizo a un sector que vive un dos seus mellores momentos”.
Así, o obxectivo, apuntou López Campos, é que este é licitar o proxecto constructivo antes de que remate este ano, lembrando que hai un 30% do proxecto inicial de César Portela sen executar. Adxudicar os traballos nos primeiros meses de 2025 e que a obra estea rematada a finais de 2026, principios de 2027.
Historia de Vigo
Hai que lembrar que o antigo Teatro Cine Fraga foi ideado hai máis de 80 anos por encargo de Isaac Fraga Penedo, un dos exhibidores cinematográficos máis importantes de Galicia naquela época. O inmoble conta con máis de 7.000 metros cadrados, “nos que se prevé aproveitar ao máximo as instalacións” – incluindo o estudo de que as butacas da platea sexan móbiles– para levar a cabo unha “variada programación que incluirá eventos e espectáculos que esixen unhas dimensións como as que ofrece o edificios, proxectos baseados na exhibición, a creación e a participación ou a instalación de propostas culturais e creativas de relevancia”, concluiu o conselleiro.
“Acabouse falar do Fraga en pasado”
Pola súa banda, o presidente da Deputación, Luis López, destacou a alianza entre os organismos autonómico e provincial para rescatar un inmoble que sumaba máis vinte anos pechado. “Acabouse falar do Fraga como unha lembraza, en pasado, toca falar del en clave de futuro. En dúas décadas ninguén foi quen de artellar ese proxecto mentres esmorecían as esperanzas dos vigueses de ver reaberto este cine. Ninguén, pero nós asumimos o reto e puxémonos mans á obra. Primeiro cun acordo de compra asinado con Abanca e, desde logo, coa Xunta de Galicia. Agora toca dar o seguinte paso que, como os anteriores, supón outro exemplo de escoita e seriedade. Acordamos abrir un proceso participativo para que a cultura de Vigo sexa a protagonista”, sinalou.
“Vamos moi en serio en Vigo”
Así, o presidente provincial subliñou que a Deputación de Pontevedra vai “moi en serio con VIgo”, e fixo un repaso dos investimentos comprometidos na cidade, “que superan os 26 millóns de euros no último ano“.
- Entre eles subliñou o proxecto de construción da Grada de Gol de Balaídos, que conta con 13,3 millóns de euros de achega da Diputación.
- Tamén lembrou a solución ás partidas que estaban a piques de caducar por obras non executadas polo Concello, por máis de 7 millóns.
- O convenio co Concello, que permitirá realizar humanizacións e acometer proxectos de Vigo Vertical, por outros 5 millóns máis.
- Cantidades ás que se engaden aos 4,55 millóns para a compra do Fraga.
Papel “clave” do Concello
En relación coa participación do Concello de Vigo neste proxecto, logo da postura especialmente crítica do Goberno municipal, o conselleiro apuntou, en resposta ás preguntas dos xornalistas, que terá un papel “clave” e que desde logo haberá xuntanzas co propio alcalde ou as persoas que designe.
López Campos apuntou as relacións de “cordialidade absoluta” entre o Goberno de Galicia e o Goberno de Vigo, logo da xuntanza entre Alfonso Rueda e Abel Caballero o pasado mes de xuño e reiterou a “lealdade absoluta” que permitirá que o Concello poida contribuir ao funcionamento e proxección do Fraga que, asegurou “é un proxecto de país, de Vigo para Galicia” e un referente cultural a nivel de todo o Estado.