Cultura

Salceda preparará 20.000 racións para gozar da Festa dos Callos

Con 2.400 quilos de garavanzos, 450 quilos de lacón curado e 350 quilos de chourizo

Salceda preparará 20.000 racións para gozar da Festa dos Callos

A Praza do Concello de Salceda foi o escenario da presentación da da Festa dos Callos, acto no que non podía faltar a degustación para tódalas persoas que quixeron achegarse. A programación desta 30ª edición abranguerá dende o xoves, día 29, ata o domingo 1 de setembro, día grande da festa, que este ano contará con Marta Doviro como pregoeira.

Relevo

Esta será sen dúbida unha edición especial, xa que Alejandro Alonso, mestre de cociña e encargado da festa nas súas 30 edicións, dará paso á súa filla Begoña Alonso, que será encargada de seguir co legado de Alejandro nos vindeiros anos.

Así que foi a propia Begoña Alonso a encargada de repasar as cantidades de produto que se prepararán para ofrecer as 20.000 racións dispoñibles: 1.600 quilos de ventre de vacún, 1.200 quilos de pata de vacún, 2.400 quilos de garavanzos, 450 quilos de lacón curado e 350 quilos de chourizo, completados con 350 quilos de sofrito. As potas comezarán a funcionar na propia Praza do Concello sobre a 1 da madrugada, para poder empezar a despachar racións en torno ás 09:30h. do xoves.

Facer Salceda

Loli Castiñeira, alcaldesa de Salceda definiu a Festa dos Callos como “a mellor de Galicia”. Tivo palabras de agradecemento para Alejandro por todos estes anos de servizo, e tamén deu a benvida a Begoña Alonso desexándolle moitos éxitos na súa traxectoria.

En palabras da alcaldesa, a Festa dos Callos é economía, é turismo, e sobre todo é “facer Salceda”. Lembrou que o Concello segue pendente do recoñecemento por parte da Xunta da Festa dos Callos como “Festa de Interese Turístico de Galicia”, solicitude que se leva facendo dende o 2017 e que aínda non se conseguiu a día de hoxe. “Salceda e a súa veciñanza temos ben merecida esta distinción”, dixo Castiñeira, “agardamos acadala máis cedo que tarde”. Así, alcaldesa definiu Salceda como un pobo de grande dinamismo social tanto por parte do Concello como do tecido asociativo, o cal se verá reflexado tamén na fin de semana do 1 de setembro.

As 20.000 racións preparadas para xantar poderán degustarse na propia Praza do Concello por un prezo de 10€ nos que se inclúe a tapa de callos, o pan, a bebida, e nas que a veciñanza adquire tamén a cazola e a taza conmemorativos. Para aquelas persoas que prefiran empregar o xa coñecido como “método da tarteira” e levar unicamente o produto para degustar en familia, poderán facelo a un prezo de 7€ a ración.

También te puede interesar