A praza Arquitecto Antonio Palacios tinguiuse de vermello para presentar ao primeiro equipo feminino Club Balonmán Porriño. O Conservas Orbe Zendal Bm Porriño presentou as súas xogadoras e corpo técnico para esta tempada arroupado pola súa base e patrocinadores.
O acto de presentación contou coa presencia do alcalde, Alejandro Lorenzo, o director da Axencia de Turismo de Galicia -patrocinadora do equipo-, Xosé Manuel Merelles, o presidente do club, Abel Estévez, e a vicepresidenta da Federación Galega de Balonmán, Carla Abad. Tamén os acompañaron representantes dos principais patrocinadores do equipo de División de Honra Feminina, Vanesa Andrade, Directora Xeral de Zendal, e Marta Mondina, responsable de márketing de Conservas Orbe.
Logo dos mellores resultados da historia chegou a hora de Europa
Abel Estévez, explicou que o equipo, e o Club Balonmán Porriño, comezan “unha tempada moi ilusionante”. O presidente do club lembrou que tras obter os mellores resultados da historia do club na prestixiosa Liga Guerreiras Iberdrola, “este ano damos o salto a Europa para disputar a Copa de Europa EHF Feminina 2024/25 nunha tempada chea de retos e emocións”.
Pola súa banda, Xosé Manuel Merelles apuntou que “é unha satisfacción estar hoxe aquí e ver que hai tantas mozas e mozos que xogan ao balonmán” e quixo destacar que para a Xunta de Galicia é “un pracer poder apoiar a este club que vai levar ao Porriño e a Galicia ao máis alto do balonmán. Estou seguro que a promoción será excepcional e desde o punto de vista turístico será moi positivo. Para nós é unha aposta segura”. O director da Axencia Galega de Turismo rematou a súa intervención “desexando ao equipo os maiores éxitos deportivos”.
“Daremos o mellor”
A capitana do equipo, Sarai Samartin, agredeceu a todos os patrocinadores o seu respaldo e tamén á afición e socios do club “estamos moi agradecidas e esperamos facervos disfrutar todo o ano, daremos o mellor de nós”.
Pechou o acto o alcalde, Alejandro Lorenzo, que puxo en valor o tesón “do club que leva anos traballando neste proxecto que hoxe os leva ao máis alto e con elas a todo O Porriño”. Lorenzo reiterou o “orgullosos que estamos de vós” e rematou cunha gran nova para a vila, anunciando que “as dúas primeiras eliminatorias da liga europea, contra o italiano SSV Brixen Südtirol, xogaranse no Porriño e aí estaremos todos animando ás nosas guerreiras!”.