Comarcas

Comezan no Contrasto os traballos de retirada do lindano

O Concello do Porriño deu realoxo aos veciños que o pediron

Comezan no Contrasto os traballos de retirada do lindano

Hoxe comeza a descontaminación do lindano no Contrasto, na parroquia porriñesa de Torneiros. A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático iniciará a preparación do terreo para a posterior excavación e extracción do residuo. Pola súa banda, o Concello do Porriño xa acometeu o realoxo dos veciños e veciñas que así o requeriron.

Das zonas de maior afectación ás de menor

Os traballos están programados en fases, de menor a maior afectación á veciñanza da zona, co obxectivo de minimizar as molestias. Na contorna hai preto dunha trintena de vivendas, pero non todas elas están afectadas.

De seguido, comezará a retirada do resíduo. Para iso, excavarase o firme existente ata unha profundidade de entre 0,5 e 3 metros e retirarase todo o material no que se ten constatada a presenza do contaminante, dado que é un elemento indisoluble. Unha vez completadas estas actuacións na contorna, repoñerase o firme e os servizos de alumeado, telefonía, electricidade, saneamento, abastecemento e outros que puiderse afectados polas obras de excavación.   No que respecta aos accesos ás vivendas, estará garantido en todo momento con itinerarios alternativos.

Centro de valorización de residuos

Unha vez retirado, o lindano trasladarase a un centro de valorización de residuos onde se procederá ao seu tratamento, ben mediante o seu confinamento en condicións de seguridade ou ben acondicionándoo -no caso do material de maiores concentracións- para o seu traslado e tratamento nunha planta de incineración.

7,5 millóns de euros

A Xunta de Galicia investirá nesta actuación máis de 7,5 millóns de euros e conta con financiación europea, ao abeiro do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), por tratarse dunha actuación relacionada coa descontaminación de solo, con efectos indirectos na auga e na atmósfera.

“Esta é unha herdanza negativa que arrastramos desde hai décadas, un problema que temos que afrontar de maneira global e coa implicación de todas as administracións”, sinala o alcalde. Alejandro Lorenzo agradece a “disposición da Xunta para  traballar da man e avanzar na descontaminación, algo que require dun gran esforzo técnico e económico”.

También te puede interesar