Cultura

Heartstopper xa se pode ler en galego en Xerais

A primeira entrega da serie de cómics, traducida por Nee Barros, chega ás librarías este xoves, 5 de setembro

Heartstopper xa se pode ler en galego en Xerais

A relación entre o Charlie e o Nick que namorou a lectorado en todo o mundo poderase ler en galego dende este xoves, 5 de setembro.

Así, a primeira entrega da serie Heartstopper, Rapaz coñece rapaz, de Alice Oseman, chega ás librarías da man de Xerais cunha tradución de Nee Barros, activista cultural e LGBTIQA+. Xerais ten previsto lanzar tamén os seguintes títulos da serie nos próximos meses. Deste xeito, Heartstopper 2. A miña persoa favorita estará á venda a partir do vindeiro mes de novembro.

Historias diversas

Para Fran Alonso, director de Xerais, a tradución de Heartstopper é “un fito importante na edición galega dirixida ao público adolescente; nese sentido Xerais está a facer un enorme esforzo para poñer a disposición do lectorado os cinco títulos de Heartstopper no prazo dun ano”.

Alonso subliña que “a tradución de Heartstopper ao galego supón cumprir unha débeda de historias
diversas, de que o colectivo LGBTIQA+ teñamos referentes na nosa lingua
en historias para todas as idades. Especialmente referentes creados por persoas do propio colectivo, porque nós tamén merecemos ter voz e axencia”
.

Deste xeito, Nee Barros destaca a traxectoria de autoras galegas que poñen o colectivo LGBTIQA+ no centro das súas obras, como Eva Mejuto ou María Reimóndez, e indica que é preciso ampliar as voces. “Un comic de referencia como Heartstopper tiña que estar na nosa lingua xa”.

Charlie e o Nick

Nesta primeira entrega da serie, que conta xa con cinco volumes publicados en inglés, o Charlie e o Nick, os protagonistas da historia que están no mesmo instituto, comezan a coñecerse. Axiña se fan amigos, e o Charlie comeza a namorar do Nick, aínda que pensa que non ten ningunha oportunidade. Mais o amor
funciona de xeitos sorprendentes, e o Nick está máis interesado no Charlie do que calquera deles pensa.

Un dos principais valores da serie de novelas gráficas de Alice Oseman é que presenta unha historia LGBTIQA+ sen traxedia. “Mostran que é posíbel e está ben ser diferente, querer e ser queride. Que podemos contar historias sobre o colectivo LGBTIQA+ e a adolescencia que non estean marcadas sempre pola violencia e o tráxico. Que na diversidade tamén hai fogar, agarimo e historias de adolescentes como outras calquera!”, tal e como indica Nee Barros. A propia tradutore declárase fan do traballo de Alice Oseman. “Poder facer que estas personaxes que me acompañaron tanto falen agora galego é unha honra.
Tamén unha responsabilidade moi grande, e dá moita vertixe; mais por sorte neste traballo tiven o asesoramento do Éric Dopazo e o acompañamento de Xerais, que se aseguraron de que a tradución tivese a calidade necesaria”,
conta.

Heartstopper

Para quen aínda non coñeza Heartstopper, Nee Barros defíneo como “un comic rápido e entretido sobre a adolescencia, o amor, a saúde mental, a amizade… cunha historia que te abraza e non te solta ata que o acabas. Ademais, está a influenciar o xeito en que a ficción queer e as historias accesíbeis para público
xuvenil son contadas”.

También te puede interesar