Cultura

Fillas de Cassandra publica este venres, 13 de setembro, o seu sinxelo ‘Maricarmen’

Se poderá escoitar a partir das 00.00 horas nas principais plataformas dixitais

Fillas de Cassandra publica este venres, 13 de setembro, o seu sinxelo 'Maricarmen'

Fillas de Cassandra publicará este venres, 13 de setembro, o seu novo sinxelo, Maricarmen. A peza, que se poderá escoitar a partir das 00.00 horas do día 13 nas principais plataformas dixitais, é o tema que pecha todos os concertos da xira Últimas Dionisíacas. Este lanzamento é o ramo dunha intensa tempada na que Sara Faro e María SOA subiron a ducias de escenarios de toda a península. “Queremos despedir o verán por todo o alto, coa canción que nos acompañou en todos os directos”, aseveran.

Maricarmen

A nova creación de Fillas de Cassandra revisa o mítico himno de La Pegatina: danlle unha volta para incluír á protagonista na propia historia da canción. Así, Fillas de Cassandra integra a Maricarmen no relato, como convidada “inesperada” dunha festa á que chega a personaxe e que, ao ver o ambiente festivo, decide quedar na mesma. “Ao final Maricarmen está tan entusiasmada que quere bailar no ‘afterhour’ coa filla ata o final, obviamente”, din Sara e María.

Vídeo de animación

Na produción de Maricarmen tamén participan, ademais de Sara Faro e María SOA, Peter Petrowsky e Berto. O tema acompáñase dunha capa creada pola ilustradora Lara Seara, coñecida nas redes sociais como @laultimacroqueta, e contará cun vídeo de animación  realizado por Antón Varela, que se estreará ás 15.00 horas do venres 13 na canle de Youtube de Fillas de Cassandra.

A publicación do sinxelo chega como peche dun intenso verán no que Fillas de Cassandra ten visitados ducias de escenarios de toda a península, como parte dunha xira que comezou o 16 de febreiro na súa cidade natal, Vigo. Tras encher a praia de Riazor no Festival Noroeste, revolucionar a praza Berria de Bilbao nas festas do Aste Nagusia ou mesmo actuar a pasada fin de semana no estadio de Balaídos –na estrea de As Celtas-, Sara Faro e María SOA formarán parte do cartel de citas como Revenidas (Vilaxoán), Tribu (Burgos) ou das festas do San Froilán (Lugo). 

De cara ao outono, Fillas de Cassandra ten preparadas novas creacións que verán a luz nas vindeiras semanas.

Datas confirmadas das Últimas Dionisíacas

  • 13 de setembro. Vilaxoán. Festival Revenidas. 
  • 14 de setembro. Vila de Cruces. E-Foliada (acústico sesión vermú). 
  • 14 de setembro. Barco de Valdeorras. Festas do Cristo. 
  • 20 de setembro. Porriño. Festas do Cristo. 
  • 21 de setembro. Burgos. Festival Tribu.
  • 4 de outubro. Lugo. San Froilán

También te puede interesar