Comarcas

Cangas é de cine

A XIX Semana de Cine ofrece unha viaxe cinéfila a Ítaca

Cangas é de cine

O Cineclub Cangas, promovido pola Asociación Cívico-Cultural Xiria, volve a sorprender coa súa ‘XIX Semana de Cine‘, que este ano ten como lema Viaxe a Ítaca, unha viaxe de ida e (poida que) volta ás illas persoais. Unha cita anual consolidada na axenda cultural das Rías Baixas, que ofrece unha selección coidada de cinema internacional, galego e familiar, acompañada de encontros especiais con cineastas.

Esta décimo novena edición celebrarase do 4 ao 11 de outubro de 2024 no Auditorio Municipal. As proxeccións terán lugar cada día ás 21:00 horas, con excepción das sesións especiais para escolas e familias, que se realizarán pola mañá e pola tarde.

Programación

  • A Semana de Cine arrincará o venres 4 de outubro ás 21:00 horas, coa proxección de As Neves, coa presenza da actriz Andrea Varela, quen compartirá cos espectadores os desafíos e experiencias vividas durante a rodaxe deste filme.
  • Así, o sábado 5 haberá dobre sesión. Ás 18:00 horas, proxectarase Sirocco e o Reino dos Ventos, unha película de animación francesa dirixida por Benoît Chieux e galardoada co Premio do Público no Festival de Annecy, ideal para un público familiar. Máis tarde, ás 21:00 horas, será a quenda de O mal non existe, do director xaponés Ryûsuke Hamaguchi. Este filme, recoñecido co Gran Premio do Xurado en Venecia e premiado como mellor película no BFI London Film Festival, promete unha profunda reflexión sobre o impacto ecolóxico e social nunha pequena comunidade rural.
  • A programación continúa o domingo, 6 , ás 21:00 horas, coa proxección de Fogos artificiais (Stranizza d’amuri), unha emocionante historia de amor ambientada na Sicilia do verán de 1982. Esta película, dirixida por Beppe Fiorello, foi nomeada aos Premios David di Donatello.
  • luns, 7 , ás 21:00 horas, os espectadores poderán mergullarse na cultura e tradicións de Bután coa película O monxe e o rifle. Esta produción, que mestura reflexión política e humor, sitúase nun momento clave de transición cara á democracia no reino de Bután, e examina as tensións entre o modernismo e as tradicións.
  • Continuará o martes, 8 que estará dedicado ás curtametraxes galegas baixo o título Galicia en Curta. Ás  21:00 horas, comezará a proxección de O niño dos paxarosHabitarTo bird or not to bird,  Non te vexo e Nena. Esta tradicional sección do Cinemas Ocultos amosa cada ano a forza creativa e o talento emerxente do cinema galego.
  • mércores, 9 as actividades estarán centradas nas escolas, co programa Escolas ao CineProxectarase Dounia e o eco do tambor, un filme canadense dirixido por Marya Zarif e André Kadi. Con pases ás 10:00 e ás 12:00 horas, esta película narra a historia de Dounia, unha nena que, tras fuxir de Siria, atopa en Canadá unha nova vida marcada pola multiculturalidade e a amizade.
  • Xa o xoves, 10 , ás 21:00 horas, será a quenda de Luzzu, filme maltés que aborda os desafíos dun mariñeiro que loita por manter viva a tradición pesqueira familiar nun ecosistema precario. Dirixida por Alex Camilleri, esta película gañou o Premio do Xurado no Festival de Sundance e foi recoñecida nos Premios Independent Spirit.
  • A décimo novena edición desta semana de cine pecharase o venres, 11 de outubro, ás 21:00 horas, coa proxección do documental galego Chichi e máis eu. O filme, dirixido por Nico Campos, explora a vida de Xesús Chichi Campos, pioneiro do cómic galego e unha figura clave pero esquecida na cultura galega. A proxección irá seguida dun coloquio co director, proporcionando unha oportunidade única para reflexionar sobre a vida e legado do artista.

También te puede interesar