A Xunta iniciará este martes traballos de renovación da capa de rodaxe na A-55 en Tui, que farán necesarios desvíos de tráfico. As obras estarán en marcha entre hoxe ás 08:00 e o mércores ata as 18:00 horas, e tamén se poderían prolongar ata o xoves se é necesario.
Desvíos
Para poder traballar na calzada, o tráfico irá estes días polos ramais do enlace de conexión da autovía Tui-A Guarda entre os enlaces coa autovía A-55 e de Areas, construído recentemente.
Trátase do acondicionamento do firme neste treito da A-55, que é de titularidade estatal e que se afectou coa execución do enlace da autovía Tui-A Guarda. No marco destas últimas obras, xa se repuxera o firme afectado, pero agora esténdese o ámbito da renovación da capa de rodaxe na A-55 a toda a lonxitude, entre os ramais de enlace executados.
O obxectivo destes traballos é acadar unha maior homoxeneidade nas características do firme e, polo tanto, contribuír á maior comodidade dos usuarios da autovía. Tamén están comezando os traballos de mellora da seguridade e accesibilidade no treito da N-551, que está en trámites de transferirse ao Goberno galego, pasando a integrarse na estrada autonómica PO-552.
Estas intervencións enmárcanse nun contrato máis amplo, cun investimento de 1 millón de euros, co que a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas está a acondicionar as vías situadas na contorna do enlace da autovía Tui-A Guarda coa A-55 e o polígono de Areas, en Tui.