Comarcas

A Deputación inicia 11 novos obradoiros para impulsar o envellecemento activo

Máis de 200 veciños de nove concellos participan no programa ‘Provincia Activa’

A Deputación inicia 11 novos obradoiros para impulsar o envellecemento activo

A Deputación de Pontevedra continúa desenvolvendo os obradoiros de Provincia Activa, programa co que impulsa o envellecemento activo das persoas maiores, fomentando a súa participación para crear espazos de encontro e intercambio de experiencias.

Así, esta semana, entre o luns 7 e o venres 11 de outubro, comezarán 11 novos obradoiros doutras tantas entidades sociais que mobilizarán máis de 200 veciños de nove concellos da provincia: Arbo, Baiona, Cangas, Meaño, Mos, O Grove, Rodeiro, Soutomaior e Vigo.

Luns,7

Os primeiros obradoiros serán o luns 7 de outubro, cando 15 persoas da Asociación de Mulleres Rurais
Arbenses (Arbo) e 16 da Asociación O Arco de Vilanova (Cangas) comezarán o curso de plantas medicinais; 18 da Unión de Xubilados e Pensionistas da UGT de Vigo comezarán o curso de risoterapia.

Ademais, 14 persoas da Asociación O Falar das Pedras (Rodeiro) iniciarán o de habilidades dixitais para uso cotián; 22 da Asociación de Veciños de Gandón (Cangas) o de restauración de mobles e tapicería; 25 da Asociación de Mulleres Rurais, Consumidoras e Culturais Adro Vello (O Grove) o de conservando a memoria; 16 da Asociación de Amas de Casa de Baiona, o de musicoterapia, e 19 da Asociación de Mulleres Rurais e Consumidoras A Telleira de Dena (Meaño) o de ximnasia de mantemento.

Martes, mércores e venres

Pola súa banda, o martes será a quenda de 20 persoas da Asociación de Mulleres Rurais Anduriña de Arcade (Soutomaior), que darán inicio ao obradoiro de restauración de mobles e tapicería, o mesmo que comezarán 21 persoas da Asociación Veciñal Deportiva, Cultural e Xuvenil Arcángel San Miguel (Arbo). o mércores 9 de outubro. Por último, o venres 11 de outubro 15 persoas da Asociación do Centro Recreativo e Cultural de Torroso (Mos) empezarán un curso de teatro.

14 tipos de obradoiros

En total, a Deputación ofertou este ano catorce tipos de obradoiros no catálogo de Provincia Activa,
divididos en seis bloques:

  • Benestar natural (Plantas medicinais)
  • Saúde en movemento (Pilates, ioga e ximnasia de mantemento para persoas maiores)
  • Emociónate (Conservando a memoria, Musicoterapia, Risoterapia e Terapia emocional: Positividade e canalización das emocións)
  • Outra vida (Teatro e Restauración de mobles e tapicería)
  • Con ritmo! (Bailes de salón e Pandeireta e canto popular) e
  • Redeir@s (Habilidades dixitais para uso cotián e Informática. Nivel Avanzado)

Provincia Activa conta cun orzamento de 146.000 euros e están a participar nos obradoiros entidades de 42 concellos da provincia.

También te puede interesar