Cultura

Queres ser a versión en galego do navegador, de Alexa ou de Siri?

Buscan doantes de voz para contribuír a que os dispositivos electrónicos entendan e falen en galego

Buscan doantes de voz

Así é…literalmente. Tomiño quere achegar o seu gran de area para impulsar a presenza do galego tamén no ámbito tecnolóxico. Para conseguilo, o Concello colabora de forma activa na campaña de captación de voz organizada ao abeiro do Proxecto Nós, unha iniciativa pioneira impulsada pola Universidade de Santiago de Compostela e a Xunta de Galicia que busca garantir que a lingua galega estea plenamente integrada en todos os dispositivos electrónicos e servizos dixitais.

Como explica a alcaldesa, Sandra González, para Tomiño “é un orgullo participar nun proxecto que consideramos esencial para o noso idioma, non só para preservalo, senón para poder facer avanzar ao galego no mundo dixital”. A rexedora convida a todos os tomiñeses e tomiñesas a doar as súas voces e conseguir que “calquera galego ou galega poida usar o noso idioma con total normalidade cando lle fale ao GPS, ao asistente de voz do móbil ou cando realice unha xestión a través de internet”.

Para lograr que os sistemas de intelixencia artificial recoñezan e interactúen en galego é necesario contar cunha ampla base de datos de textos e audios en lingua galega.


Outras novas en vigoalminuto


Como facelo?

Para contribuír a recadar estas voces, o Concello celebra o vindeiro martes 15 de outubro unha xornada de captación de voz de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas na Aula CeMIT, no Campo da Feira. Durante 15 minutos, cada persoa participantes gravará a súa voz, achegando o seu gran de area ao desenvolvemento de ferramentas dixitais que permitan unha mellor interacción en galego con calquera dispositivo electrónico.

Para a campaña precísanse cinco persoas para cada tramo de media hora ao longo de toda a xornada. Apenas 30 minutos para unha doazón de voz que é sinxela e rápida e que supón un paso importante para que o galego teña presenza nos sistemas tecnolóxicos actuais e futuros. “A tecnoloxía está en constante evolución e queremos que o galego forme parte dese futuro. Este é o momento de garantir que podamos
falar a nosa lingua a asistentes como Siri ou Alexa
, pedir cita médica ou incluso ditar un texto sen renunciar á nosa identidade lingüística”
, salienta a alcaldesa.

As persoas interesadas en participar en doar a súa voz poden xa inscribirse a través dun formulario habilitado na web municipal. Toda as persoas participantes recibirán un agasallo por parte do Concello.

También te puede interesar