A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reclamou hoxe en Vigo o rescate inmediato da AP-9 porque non só é viable dende o punto de vista xurídico e un acto de xustiza cos galegos e as galegas, senón tamén porque “neste momento é o máis rendible para as arcas públicas”.
Así, a líder da oposición subliñou que “rescatar a AP-9 non só e viable, senón que é a mellor opción desde o punto de vista económico porque suporía un aforro millonario só en peaxes na sombra”.
2.844 millóns en ‘peaxes na sombra’
Pontón referiuse así aos 2.844 millóns de euros que o Estado, “cos cartos que saen dos nosos impostos”, vai ter que pagar á concesionaria da autopista só en peaxes na sombra até o 2048, cando finalice a concesión. Unha cifra que recolle o propio Consello de Estado e que é moito máis elevada que os 904,7 millóns de euros que custaría rescatar a AP-9, segundo se desprende do informe elaborado pola Universidade de Coruña, presentado hoxe a axentes sociais e económicos.
“Neste momento, ter unha AP-9 galega e libre de peaxes e só unha cuestión de vontade política”, afirmou Pontón, que subliñou que os 904,7 millóns de euros están calculados polo valor de mercado da autopista, o que estivo disposto a pagar hai tan só seis meses un “fondo voitre” actualizado co IPC. “Non son, polo tanto, os 4.000 millóns de euros que dicía o Goberno do PP de Rajoy nin os 6.000 que está dicindo o Executivo de Pedro Sánchez nin tampouco os 2.355 millóns que calcula o informe encargado polo Goberno da Xunta a unha xestoría que, casualmente, ten como cliente a Audasa”, engadiu.
Tamén en vigoalminuto
- Así luce ‘O Barco do Nadal’ de Vigo
- Cientos de vehículos en oferta en Caroulet Vigo
- A prisión tres de los cuatro detenidos por 12 atracos a punta de pistola en casas, estancos y farmacias de la provincia
- Tienes todos estos planes para el fin de semana
- Vigo se queda sin 1,5 millones de fondos europeos solicitados para el Pazo de Castrelos
- Diana Nogueira participa, como una voluntaria más en la Gran Recogida del Banco de Alimentos
Por qué darlle a Audasa 1.450 máis do que corresponde?
É por iso que Ana Pontón emprazou a Alfonso Rueda a que explique aos galegos e ás galegas por que “quere darlle a Audasa 1.450 milllóns de euros máis do que corresponde“. “Unha vez máis vemos o PP poñendo por diante de Galiza os intereses dunha multinacional”, agregou, advertindo ademais que “ningún galego nin galega entendería o que público pague máis que un fondo voitre”.
Máis unha vez, a líder do BNG urxiu que se poña fin á “estafa” da AP-9 e á “discriminación” que a diario sofren os usuarios e usuarias da autopista. Reclamou así ao Goberno do Estado que desista do recurso que xa ten presentado ante a Comisión Europea e acate a súa primeira resolución, na que este organismo da UE considerou ilegais as prórrogas da autoestrada galega.
Se non hai rescarte pagaremos peaxe ata o ano 2048
Unha ilegalidade que corrobora tamén o estudo feito para o BNG polos académicos Carlos Aymerich e José Antonio Blanco tanto no que ten que ver coa prórroga de 10 anos aprobada en 1994 polo Goberno do Partido Socialista como a de 25 anos asinada polo Executivo do PP, pola que “teremos que pagar peaxes até o 2048 se non hai rescate”, salientou.
Pontón explicou, seguindo o estudo da UDC, que coa ampliación do tempo da concesión á autoestrada de 39 a 75 anos “é evidente que houbo unha alteración substancial do contrato inicial”, polo que debería terse licitado un novo para que calquera outra empresa puidese concorrer ao mesmo. “Vulnerouse a legalidade de contratos non só en canto á normativa comunitaria senón tamén á propia normativa do Estado español, vulnerando os principios de igualdade e transparencia na contratación pública”, apuntou.
De ‘estafa legalizada a estafa ilegal‘
De aí a súa insistencia en que a adxudicación directa da prórroga da AP-9 “é ilegal e pode e debe ser anulada”. “Até agora sabiamos que as peaxes da autopista eran unha estafa legalizada, pero agora sabemos que ademais é unha estafa ilegal”, diante da que “só hai unha opción, que é anular o contrato”, precisou.
Afondando na mesma cuestión, recalcou que “se a ampliación é ilegal, a concesionaria non ten dereito ao cobro do lucro cesante”, unha cuestión que os expertos da UDC tiveron tamén en conta para calcular o valor do rescate.
Todas razóns polas que o Goberno do Estado, considerou Pontón, ten que “aproveitar a porta” que abriu a Comisión Europea, afrontando dunha vez o rescate da autoestrada “para non traballar en contra dos intereses do País”.
“Chegou o momento de que Galiza tome o control da AP-9 e de acabar coa discriminación que supón que os galegos e as galegas paguemos as peaxes máis altas e durante máis tempo que o resto de cidadáns do Estado español”, concluíu a líder nacionalista.