Cultura

A Deputación destina 73.000€ para que 58 entidades de Vigo organicen actividades culturais

Como festivais, concertos, intercambios ou encontros fora de Galicia

A Deputación destina 73.000€ para que 58 entidades de Vigo organicen actividades culturais

A Deputación de Pontevedra aprobou destinar máis de 73.000 euros para que 58 entidades de Vigo organicen neste 2024 diferentes actividades culturais. En liñas xerais, estas axudas benefician a 228 entidades da provincia que recibiron por concorrencia competitiva un total de 300.000 euros no marco desta convocatoria.

A vicepresidenta Luisa Sánchez fixo o anuncio coincidindo cunha visita á Asociación Veciñal, Cultural e Deportiva de Cabral que recibiu unha axuda de máis de 1.200€ para realizar un intercambio cultural a Asturias.

A responsable provincial aproveitou a ocasión para poñer en valor a aposta decidida da Deputación por dar un “xiro ás políticas culturais na provincia en aras dunha maior transparencia e equidade”. Neste sentido Luisa Sánchez lembrou que este ano esta liña de axudas destinadas a promover actividades culturais medrou un 20% con respecto ao ano anterior, co obxectivo de “impulsar propostas que acheguen a todos os habitantes da provincia a cultura, porque o acceso á cultura debe ser universal”.

Festivais, encontros, galas, mostras ou festas

Deste xeito, a través desta liña de axudas provinciais distribuíronse 250.000 euros entre 188 asociacións de 44 concellos para organizar festivais, encontros, galas, mostras, festas e actividades para “poñer en valor o patrimonio inmaterial da provincia” . Ademais, tamén se aprobaron outros 50.000€ para 40 asociacións de 19 concellos para participar en festivais, concertos, intercambios culturais ou encontros que se celebren fóra da Galicia.


Ademais en vigoalminuto


Vigo

No caso concreto de Vigo, 46 entidades recibiron 60.211€ da liña 1, con axudas que oscilan entre os 368 e os 2.500€ para actividades como encontros de teatro, mostras de cine, festivais folclóricos, concursos de canto, festivais de danza e música, certames de cómic, concertos didácticos, certames de regueifas e de humor e, entre outras, mostras de oralidade ou improvisación.

Pola súa banda, outras 12 entidades da cidade recibiron 12.871€ da liña 2, con axudas que oscilan entre os 450 e os 1.779€, para poder asistir a ciclos de música en Roma, desfiles en Portugal, participar en festivais de música en Chile, asistir a festivais folclóricos en Asturias, realizar intercambios culturais en Portugal, Oviedo, Bélxica, actuar en Madrid ou asistir a congresos en Cuba.

También te puede interesar