Os hoteis galegos rexistraron o pasado mes de setembro máis de 632.000 viaxeiros aloxados que fixeron 1,15 millóns de noites, o que supón un incremento do 5,9% e 4,2% respectivamente con respecto a 2023.
En canto ao impacto económico, tamén se rexistrou un incremento da rendibilidade hoteleira que sobe 8,6% con respecto ao ano pasado e estímase que o sector hoteleiro obtivo uns ingresos de 51,6 millóns de euros, un 7,8% máis en relación co 2023.
Superando os rexistros anteriores á pandemia
Así se desprende dos datos feitos públicos polo Instituto Nacional de Estatística (INE), que indican que Galicia supera en ocupación hoteleira os rexistros previos á pandemia, nun 10,9% e que volve medrar por riba da media española. Ademais, o aloxamento hoteleiro da Comunidade acumula catro anos consecutivos de crecemento da demanda no mes de setembro acadando un máximo da serie histórica de setembro con 1,15 millóns de pernoctacións e en canto ao número de viaxeiros, nunca antes se superara a barreira dos 600.000 viaxeiros ese mes.
Tamén en vigoalminuto
- La Biblioteca del Estado en Vigo cumple 16 años… de anuncios
- A Deputación destina 100.000€ ao MARCO para “colaborar na programación cultural estable”
- Muere en plena calle, en Vigo
- La Corte Penal Internacional ordena el arresto de Netanyahu por crímenes de guerra y lesa humanidad
- Ofertas de Empleo en Vigo
- Detenidos en Vigo, acusados de estafar más de 100.000€
Por riba das medias do Estado
Galicia presenta un comportamento por riba da media estatal. Así, en número de noites, supera en algo máis dun punto a media estatal, que observa un incremento do 2,8% en relación ao pasado ano. En termos de viaxeiros aloxados Galicia rexistra a segunda taxa de crecemento máis elevada co 5,9%.
Por orixe, o mercado internacional consolida catro anos consecutivos de crecemento da demanda no mes de setembro, que permiten acadar un máximo da serie histórica agora en 2024 con preto de 410.000 noites.
350 millóns no que vai deste ano
En termos económicos, no que vai de ano, de xaneiro a setembro, estímase que o sector hoteleiro obtivo uns ingresos totais próximos aos 350 millóns de euros nos primeiros nove meses deste ano, superando tamén os rexistros de 2023 nun 7,2% e os previos á pandemia. Marca, de novo, a cifra máis elevada da serie histórica.