Cultura

‘Os espazos en branco’, do vigués Bruno Arias, de estrea na nosa cidade

O venres, día 8, nos Cines Tamberlick

'Os espazos en branco', do vigués Bruno Arias, de estrea na nosa cidade

Menos dun ano despois de que a súa estrea na 37 edición do Festival Cineuropa esgotase as entradas no Salón Teatro de Santiago, e apenas dous días despois da súa estrea oficial en salas na pantalla da NUMAX,  Os espazos en branco, o debut cinematográfico de Bruno Arias (Vigo, 1998), chega ás pantallas de Vigo. 

O pase terá lugar o venres 8 de novembro ás 20:00 nos Cines Tamberlick do Centro Comercial Praza Elíptica e contará, ademais, cun coloquio posterior no que participarán o director e a cineasta Lucía Estévez. As entradas estarán dispoñibles na web e taquilla dos Cines Tamberlick e poderán obterse do mesmo xeito do que se obteñen as da programación habitual da sala.

Vigo, escenario da película

Esta proxección será un dos actos centrais do circuíto que seguirá o filme, non só por ser Vigo a cidade natal do director, senón porque tamén é o escenario de boa parte da película. Ademais, a familia Arias xoga un papel crucial no discurso do filme que garda unha estreita relación coa cidade olívica. “A familia leva vivindo nesta cidade cincuenta anos e camiñamos todos por ela, tanto ti coma min. Eu, claro, non coñezo todos os lugares que pisaches pero, por algunha razón, cando paseo por aquí sinto que xogas comigo”, dille Bruno á súa tía no filme.

‘Xira’ por toda Galicia

Posteriormente e durante todo o mes de novembro, o filme viaxará pollos concellos galegos de A Coruña, Ourense, Lugo, Ferrol, Ames e Pontevedra. As máis das proxeccións tamén contarán coa presenza do director e doutras figuras: o produtor Álvaro Liste, a directora de arte Antía Carreira ou a poeta Arancha Nogueira son algúns dos nomes que acompañarán o autor en coloquios e conversas. A información detallada sobre o calendario de proxeccións está dispoñible nas redes sociais do proxecto.


Outras novas en vigoalminuto


Sobre a figura de Xela Arias

A película, producida por Serea Films, reflexiona empregando como vehículo a figura da poeta Xela Arias, tía do director que faleceu cando este tiña só cinco anos, sobre como as persoas que nos inspiran e que admiramos contribúen á construción da nosa forma de ser. Do mesmo xeito, explora como o feito de reconstruír nós mesmas esas figuras é un proceso que nos achega a elas afastándoas da súa condición de figura pública e achegándonos á súa faceta máis persoal. No filme, testemuños de familiares e amigas comparten espazo cun traballo interpretativo das actrices Lidia Veiga, Sheyla Fariña e Melania Cruz que acompaña ás espectadoras por un relato sobre a ausencia e a memoria.

Premio Mestre Mateo

Ademais de ser a primeira longametraxe do seu director, tamén supón a estrea dunha equipa que, no momento da rodaxe, estaba recentemente graduada, case na súa maioría, en Comunicación Audiovisual na Universidade de Santiago de Compostela e que, malia a súa curta traxectoria, demostrou unha grande profesionalidade que lle valeu á película o Premio Mestre Mateo ao Mellor Documental na XXII edición dos galardóns o pasado 23 de marzo.

También te puede interesar