‘Pel de cordeiro’, a novela de Ledicia Costas publicada no mes de maio, xa está dispoñible en audiolibro. Xerais realiza así unha primeira incursión nun formato en auxe noutras literaturas, o que permite ampliar o público destinatario desta obra nunha nova aposta pola exploración de novas oportunidades.
O audiolibro poderá comprarse dende este xoves nas librarías Fnac a través da plataforma Rakuten Kobo.
A produción do mesmo levouna a cabo o estudio de gravación Studio XXI, coa dirección de Ana Lemos e as voces da propia Ana Lemos e Chelo Díaz. Cada unha das actrices de dobraxe locuta unha das dúas partes en que está dividida a novela, centrada nas personaxes de Catarina e Lola. Ambas as dúas contan cunha ampla traxectoria locutando e a través da súa voz son quen de achegar a atmosfera escura e máxica que envolve ‘Pel de cordeiro’.
‘Pel de cordeiro’
A novela de Ledicia Costas conta a historia de dúas mulleres separadas por dous séculos. Catarina pertence a unha estirpe de bruxas. Herda da súa avoa o oficio e afonda nos segredos das plantas medicinais. Críase nunha consulta demencial, onde acoden enfermos con todo tipo de doenzas. Nos últimos anos da Inquisición, no medio da fame e a miseria, elas son o máis semellante a un doutor que existe en Merlo, pero cunha diferenza: son necesarias pero tamén odiadas.
Lola é unha muller do século XXI que atravesa unha crise persoal. Entra en contacto cunhas forzas que non comprende. A ruptura coa súa parella, as súas dúbidas sobre a maternidade e o desbloqueo de recordos que tiña esquecidos provócanlle un colapso.
Ledicia Costas
Ledicia Costas é unha das autoras máis consolidadas e premiadas da literatura galega, de xeito que conta cun universo literario propio con moreas de lectores e lectoras. ‘Pel de cordeiro’ é unha novela que representa a cerna dese mundo propio, con referencias a multitude de elementos fantásticos e escuros nun exercicio de escrita engaiolante.
Ademais, a obra en papel converteuse xa nun verdadeiro fenómeno editorial, con case 7.000 exemplares vendidos en seis meses. Trátase do libro en galego máis vendido de 2024, o que confirma o interese das lectoras e lectores polo traballo da escritora que foi Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil en 2015.